Santiago inicia a campaña de verán de limpeza e roza de 500 quilómetros do rural
Os traballos arrancaron en Figueiras e continuarán en Villestro e Laraño antes de estenderse ás 29 parroquias da área rural ata setembro

A campaña de verán de limpeza e roza na área rural compostelá da Concellería de Rural deu comezo esta semana cos traballos na parroquia de Figueiras que continúan, dende hoxe, na de Villestro. Como xa aconteceu na campaña de 2025, os labores arrincaron este ano nunha parroquia distinta -o ano anterior fora Santa Cristina de Fecha- de acordo co pactado coa Federación Rural (Ferusa) como resultado do diálogo entre o Concello e a veciñanza.
Os labores de roza e limpeza desenvolveranse dende este mes de maio ata mediados do mes de setembro, cubrindo toda a extensa área municipal nos camiños e parcelas de titularidade municipal. En total, actúase sobre 500 quilómetros de vías repartidas por 29 parroquias de área rural.
Para efectuar este traballo, o Concello combina medios mecanizados con limpeza manual nos puntos de difícil acceso. Neste labor non se empregan herbicidas.
Durante o mes de maio, alén de Figueiras e Villestro, levaranse a cabo rozas na parroquia de Laraño, que se prolongarán ata o mes de xuño. Ata mediados de setembro, os traballos continuarán por todo o rural. O calendario completo de actuacións comunicarase durante a vindeira xuntanza do Consello Municipal de Rural.
Posteriormente, durante o outono, levarase a cabo unha nova campaña de rozas no rural que permitirá actuar sobre as zonas que xa foran obxecto de traballos no verán, a fin de manter a limpeza.











