O Salón Teatro estrea 'Somos os monstros', unha proposta inclusiva sobre o medo e a diversidade
A coprodución de Berrobambán, Terra Amarela e Comédias do Minho poderá verse en Santiago entre o 22 e o 24 de maio con funcións accesibles e interpretación en lingua de signos
O Salón Teatro de Santiago de Compostela acollerá entre os días 22 e 24 de maio a estrea de Somos os monstros, unha proposta escénica inclusiva e accesible arredor do medo, a diferenza e a diversidade.
A montaxe, dirixida por Magda Labarga, é unha coprodución internacional de Berrobambán, Terra Amarela, Comédias do Minho e o Centro Dramático Galego.
Baseada no texto homónimo de Paula Carballeira, gañador do X Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, a obra propón unha viaxe entre o real e o fantástico para cuestionar aquilo que decidimos deixar fóra da nosa mirada.
Ambientada nun bosque queimado onde dous irmáns se perden ao caer a noite, a peza constrúe unha fábula contemporánea que reflexiona sobre as relacións familiares, o respecto polo entorno, a marxinación e os distintos rostros do medo.
Somos os monstros nace coa vontade de abrir as portas do teatro a públicos que habitualmente non atopan propostas adaptadas ás súas necesidades, reivindicando a cultura como un espazo compartido, plural e accesible para todas as persoas.
A montaxe destaca tamén polo seu carácter plenamente accesible. Na escena conviven o galego, o portugués, a Lingua de Signos Española (LSE) e a Língua Gestual Portuguesa (LGP), integradas organicamente no espectáculo. Ademais, incorpora audionarración e audiodescrición para persoas cegas na voz do actor Xosé Barato.
O elenco está formado por intérpretes ouvintes e xordos procedentes de Galicia, Euskadi e Portugal: Areta Bolado, Emma Vallejo, Juliana Campos, Manu Estévez e Tony Weaver. A colaboración entre Berrobambán, Terra Amarela e Comédias do Minho reforza unha proposta escénica marcada pola inclusión, a accesibilidade e a creación contemporánea vinculada ao territorio.
Somos os monstros forma parte da Triloxía do Bosque, unha iniciativa impulsada por Berrobambán arredor das diferentes funcións e simbolismos do bosque nas narracións tradicionais. Despois de Hai quen escolle os camiños máis longos, este segundo capítulo continúa explorando cuestións sociais e emocionais desde unha linguaxe escénica contemporánea, aberta á diversidade e pensada para todos os públicos a partir de 10 anos.
As entradas para as funcións dos días 22, 23 e 24 de maio xa están dispoñibles en Ataquilla.













