Conxo prepárase para unha fin de semana de música, poesía e memoria arredor do histórico Banquete
A edición de 2026 incluirá teatro, música, poesía, mercado artesanal e o tradicional xantar de confraternidade, ademais dun plan para converter a celebración nun evento “residuos cero”

Comezan tres días de celebración para lembrar o convite que reuniu arredor da mesma mesa a estudantes universitarios, obreiros e artesáns o 2 de marzo de 1856 para reivindicar a igualdade e a liberdade.
A programación do Banquete de Conxo arranca mañá, venres 22 de maio, co Pequeno Banquete no que escolares da zona asistirán á representación teatral dos Quinquilláns sobre o acontecido no Banquete de Conxo en 1856, co acompañamento musical de Uxía Lambona e a Banda Molona.
Continuará a xornada cun percorrido de Cantos de Taberna por distintos bares do barrio de Conxo. Será ás 21.00 h e contará coa participación dos grupos Can de Ghaiteiro, Colexiata de Sar, Esfolladores, Muiñeiros do Sarela, Recandea e Sapamamas.
Xa o sábado 23, a programación centrarase na praza de Aurelio Aguirre e estará especialmente dirixida ao público infantil e familiar. Para a cativada haberá xogos populares en horario de mañá e de tarde. Celebrarase o Mercado do libro e da artesanía, unha mostra de oficios con diversas actividades de dinamización e espectáculos para público familiar, ademais dunha sesión vermú coa participación das bandas que ensaian no Centro Xove Acid Roots e W3ird Nois3. Ademais, volverán a Festa da Poesía, unha sesión de canto fraterno con algunhas das corais da cidade, así como a ruta literaria con Quique Alvarellos, titulada As voces do Bosque.
No gran día da Festa do Banquete, o domingo 24, continuarán o mercado do libro, da artesanía e a mostra de oficios; haberá diferentes actividades para as nenas e nenos como actuacións de maxia ou xogos infantís, e tamén propostas musicais durante toda a xornada.
Os actos centrais serán o desfile teatralizado con Os Quinquilláns, que sairá ás 11.00 h da praza do Toural, e a posterior comida de confraternidade.
Parroquias invitadas e persoas pregoeiras
Neste 2026 as parroquias convidadas son O Eixo e Vidán, encargadas de dar o pregón de benvida no día grande. Correrá a cargo de Nuria González Casais e Maika González Rozas, da Asociación de Veciños Mestra Victoria Míguez de Vidán, e de integrantes da asociación de veciños Domingo Cepeda do Eixo.
E despois dunha xornada de convivencia e fraternidade, sobre as 19.00 h comezará a despedida da festa con brindes a cargo de Celia Pinaque, da Asociación de Veciños Mestra Victoria Míguez de Vidán, de integrantes da asociación de veciños Domingo Cepeda do Eixo, e do Centro Down Compostela. O pregón de peche final corresponderalle ao escritor e profesor Manolo Portas.
Residuos cero
Un dos principais obxectivos do Banquete deste ano e converterse nun evento ‘residuos cero’ que minimice o impacto ambiental dunha festa con tan elevado número de participantes, en liña coa idea de impulsar un Concello sustentable en todo o seu conxunto. Deste xeito, repartiranse folletos informativos acompañados de bolsas compostables para a separación de residuos e reforzarase a sinalética informativa co lema ‘deixa o bosque igual que cando chegamos’. No recinto só haberá colectores marróns para depositar os restos de materia orgánica e incidirase no compromiso das persoas asistentes de utilizar as zonas de separación de residuos situadas en catro localización á saída do recinto: Fervenza, Suarribas e as dúas saídas do aparcamento do Provincial.
Acceso á zona de mesas
Ademais dos lugares reservados para as persoas participantes no desfile, instalaranse mesas e cadeiras para arredor de 1500 persoas. A zona habilitada quedará pechada e vixiada ata as 9 h do domingo 24 e a partir desa hora o acceso para ocupar as mesas será libre. Ademais do mobiliario habilitado polo Concello, o público pode levar mesas e cadeiras para unirse á romaría.
Para achegarse ao Banquete, ademais das múltiples sendas que vertebran a cidade e do reforzo de servizo de autobuses públicos, tamén se contará, de novo, co Tren do Banquete, un atractivo xeito de coñecer as rúas principais da cidade nun medio de transporte pouco habitual.











