Xosé Cobas presenta 'Soño dunha sombra' na libraría Couceiro
El ilustrador mantendrá un encuentro con lectores a las 19.00 horas
Tras case catro décadas poñendo imaxes e cores aos textos de grandes escritores e escritoras, o ilustrador Xosé Cobas dedicou os últimos anos a crear o seu primeiro libro en solitario, unha obra visual titulada Soño dunha sombra, editada por Kalandraka.
Cobas manterá un encontro con lectoras e lectores na libraría Couceiro hoxe a partir das 19.00 horas. Estará acompañado pola alcaldesa local Goretti Sanmartín Rei, e polo profesor e escritor Miguel Vázquez Freire.
O autor debullará as claves desta obra, na que tamén participa Manuel Rivas, que asina un epílogo en forma de reflexión entre a filosofía existencial, a análise pictórica e a inspiración literaria.
Dende as mesmas gardas do libro, Soño dunha sombra parte dunha escuridade absoluta que vai abrindo camiño cara á luz, que ilumina unha porta e conduce ao interior dunha vivenda antiga, silenciosa e habitada unicamente por unha pega que se asoma entre a claridade e a penumbra das estancias.
“A ave representa todas as ausencias. É o vínculo entre o aquén e o alén. E tamén encarna a lóxica que pauta a vida na casa do Soño dunha Sombra: a lóxica do asombro”, precisa Manuel Rivas no colofón.
A variedade de perspectivas —efecto zoom, picados, contrapicados, planos de detalle— e a riqueza de matices na representación das escenas dan conta tanto da estrutura narrativa da obra como da mestría técnica do artista.
Xosé Cobas, cuxa traxectoria procede do mundo da pintura, é dos poucos ilustradores actuais que traballa con óleo, neste caso sobre cartolina imprimada.
Este libro é a culminación de doce anos de creación nos que o autor foi alimentando as súas páxinas con referencias como O eloxio da sombra, de Junichiro Tanizaki, a obra do hiperrealista Richard Estes, de Claude Monet, da escola flamenga ou dos tenebristas barrocos, ademais de influencias cinematográficas e do mundo do cómic.
Soño dunha sombra é o sétimo título de Xosé Cobas no catálogo de Kalakandra, tras Filla das ondas, Azucre, O pintor cego, Cadros dunha exposición, Galego, á beira do mar e a edición en castelán Memorias de un niño campesino, con textos de Fina Casalderrey, Bibiana Candia, Xabier P. Docampo, José Antonio Abad, Juan Farias e Xosé Neira Vilas, respectivamente.
Comezou a súa traxectoria como ilustrador na prensa diaria e, desde finais dos anos oitenta, centrouse na ilustración de literatura infantil e xuvenil, compaxinando a faceta creativa co traballo como deseñador gráfico na Deputación da Coruña.
Con máis de douscentos libros publicados, expuxo as súas obras en galerías de España, Europa e Latinoamérica. Recibiu o Premio Gourmand World Cookbook ao mellor libro de literatura gastronómica en español, o Premio Fetén ao mellor libro de teatro ilustrado, os premios Díaz Pardo e Neira Vilas, e foi seleccionado na lista The White Ravens.











