Turismo de Santiago promove a conectividade aérea en Routes Europe 2026
O encontro, celebrado en Rímini, reúne compañías aéreas, aeroportos e destinos e permite impulsar novas conexións para o aeroporto Rosalía de Castro

Turismo de Santiago participa en 'Routes Europe 2026', o evento anual máis importante para a promoción da conectividade aérea, que nesta edición ten lugar do 18 ao 20 de maio en Rimini. Routes Europe 2026 reune ás persoas responsables da toma de decisións de aeroliñas, aeroportos, destinos e demáis segmentos da aviación interesados no presente e futuro da conectividade aérea europea.
O evento estructurase en tres bloques de interese para Turismo de Santiago. O primeiro é a posibilidade de ter xuntanzas directas con persoas responsables de múltiples compañías aéreas, sendo unha oportunidade tanto para consolidar relación xa existente con compañías que operan en Santiago coma para establecer novos contactos persoas con compañías europeas para amosarlles as posibilidades do aeroporto e do destino.
Estas xuntanzas directas, previamente axendadas, compleméntanse con dez horas de actividades de networking, que permiten profundizar no coñecemento persoal dos contactos precisos nas diferentes compañías, que é un elemento esencial para poder aproveitar aoportunidades.
Ademáis, o evento inclúe un programa de obradoiros e mesas redondas nas que participan profesionais do sector que aportarán a súa visión sobre o presente e o futuro da conectividade aérea en Europa, incluindo máximos dirixentes de compañías aéreas, que ao cabo son as persoas que deciden en que mercados incrementar as súas operacións.
Coa participación neste evento Turismo de Santiago continúa coa súa estratexia de promoción do aeroporto de Santiago como porta de entrada do turismo na cidade. Neste sentido, a finais de abril, a concelleira de Turismo, Miriam Louzao, e a Xerente de Turismo de Santiago, participaron nas xornadas de conectividade aérea organizadas por Turespaña e AENA en Reus.
Cabe destacar que a finais de maio, tras a reapertura do aeroporto pechado por mor das obras, o Rosalía de Castro contará coa súa maior oferta internacional até o momento, con 17 rutas internacionais, entre as que destacan as novas rutas a Nova Iorque, con United Airlines; a ruta a Amsterdam, con KLM; a Cork, con Vueling; e a Marrakech, con Vueling. Cabe apuntar tamén que Vueling ven de anunciar a reapertura da ruta a Valencia e que tamén Lufthansa confirmou que incrementará en 42 as frecuencias a Frankfurt previstas inicialmente.











