A Real Filharmonía de Galicia presenta en Santiago o concerto 'Universos Paralelos' con Zoe Zeniodi e Esteban Batallán
O programa, que se estrea este xoves no Auditorio de Galicia, combina obras contemporáneas e repertorio clásico con estreas en España e absolutas

A Real Filharmonía de Galicia presenta esta semana un novo concerto da temporada “Historias”. Baixo o título “Universos Paralelos”, a orquestra achega unha proposta musical que reunirá repertorio actual e clásico da man da directora grega Zoe Zeniodi e do trompetista galego Esteban Batallán, dúas figuras destacadas da escena internacional.
O programa poderá escoitarse o xoves 21 de maio ás 20.30 horas no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela e tamén o venres 22 de maio ás 20.00 horas no Auditorio de Ferrol. O concerto contará ademais coa participación do alumnado da Escola de Altos Estudos Musicais.
A primeira obra do programa será a estrea en España de 'Parallel Universes' da compositora sueca Britta Byström, unha peza inspirada nas teorías cosmolóxicas sobre universos paralelos formuladas por Max Tegmark. Escrita para os BBC Proms en 2021, a obra constrúe unha paisaxe sonora en constante transformación a través de capas orquestrais, cánones e motivos que evolucionan en múltiples direccións.
A continuación, o trompetista Esteban Batallán interpretará o célebre 'Concerto para trompeta en Mi bemol maior' de Johann Nepomuk Hummel, unha das obras máis emblemáticas do repertorio para este instrumento. Composto en 1803 para o virtuoso Anton Weidinger e a súa innovadora trompeta de chaves, o concerto combina elegancia clásica e brillantez técnica nunha partitura que continúa sendo referencia indispensable para trompetistas de todo o mundo.
Na segunda parte do concerto soará 'Sismos', da compositora andaluza Nuria Núñez Hierro, encarga da Real Filharmonía de Galicia dentro do “Proxecto Cometas” e que se estrea de maneira absoluta neste programa. A obra inspírase nos procesos de acumulación e liberación de enerxía propios dos movementos sísmicos e explora novas texturas e posibilidades tímbricas da orquestra mediante unha escrita marcada pola transformación constante do son.
O programa pecharase coa 'Sinfonía núm. 2' de Arthur Honegger, escrita durante a ocupación nazi de Francia e considerada unha das obras máis intensas e conmovedoras do compositor franco-suízo. Concebida para corda e culminada cun coral final de trompeta, a sinfonía transita da escuridade e a angustia cara a unha afirmación luminosa da esperanza.
Antes do concerto en Santiago, ás 19.45 horas, celebrarase unha nova sesión do ciclo “Conversando con…” na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, coa participación de Zoe Zeniodi, Esteban Batallán e Nuria Núñez Hierro.











