Gumersindo Feijoo ingresa na RAGC cun discurso sobre sustentabilidade e toma de decisións baseadas en ciencia
O enxeñeiro químico da USC destacou a importancia de integrar o coñecemento científico e a medición de impactos para avanzar cara a un desenvolvemento sostible

Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou hoxe no Pazo de San Roque, en Santiago, o acto de ingreso do catedrático de Enxeñaría Química da USC, Gumersindo Feijoo Costa, como académico numerario da sección de Ciencias Técnicas.
Feijoo ingresou na institución cun discurso titulado “Do dato ao impacto: marco científico da sustentabilidade”, no que analizou a evolución do concepto de sustentabilidade e a súa aplicación práctica a través de ferramentas como a análise do ciclo de vida, a pegada de carbono ou os indicadores de economía circular.
No acto, a laudatio foi pronunciada pola académica Herminia Domínguez, quen destacou a traxectoria do novo académico e o seu papel pioneiro na investigación en sustentabilidade ambiental en Galicia.
O presidente da RAGC, Juan Lema, abriu a sesión e puxo en valor a incorporación de Feijoo, a quen lle dirixiu a tese de doutouramento, subliñando a importancia de reforzar unha visión científica da sustentabilidade para afrontar os retos ambientais e industriais actuais.
Lema salientou ademais que o homenaxeado, “cunha traxectoria marcada polo rigor científico, a innovación e a capacidade de crear equipo, converteu Santiago nun referente internacional en sustentabilidade ambiental e análise do ciclo de vida”. Xunto á súa excelencia investigadora, destacou tamén o seu compromiso coa divulgación e coa promoción do galego científico.
Ao acto asistiron representantes do ámbito académico, científico e institucional, entre eles a conselleira do Mar, Marta Villaverde; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a reitora da USC, Rosa Crujeiras, e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, entre outros.
No seu discurso, Feijoo defendeu que a sustentabilidade xa non é un concepto teórico, senón unha ferramenta para medir e mellorar o impacto das actividades humanas. “Non é posible mellorar aquilo que non se mide”, sinalou, ao destacar a importancia dos indicadores para avaliar políticas e procesos.
Durante a súa intervención, explicou distintas ferramentas de análise como a avaliación do ciclo de vida, as pegadas ambientais ou os indicadores de economía circular, e o seu uso para a toma de decisións.
Tamén expuxo exemplos de aplicación en ámbitos como as cidades, a xestión da auga e a alimentación.
Pechou a súa intervención cun chamamento a integrar o coñecemento científico na toma de decisións e a promover modelos de desenvolvemento que garantan o benestar actual sen comprometer o futuro.
Pola súa parte, Herminia Domínguez, catedrática de Enxeñería Química da Uvigo destacou o labor investigador de Feijoo e a súa contribución á análise ambiental de produtos e procesos, así como iniciativas como 'Pescaenverde', un sistema de certificación de produtos pesqueiros con menor pegada de carbono e maior eficiencia enerxética.










