O Teatro Principal acolle tres propostas escénicas que afondan na identidade, o corpo e a exclusión social
As funcións, integradas no programa Foco Escenas do Presente de Compostela Cultura, desenvolveranse do 21 ao 23 de maio con compañías de creación contemporánea e formatos innovadores

O Teatro Principal acollerá a próxima semana tres propostas escénicas que afondan en cuestións como a exclusión social, a identidade, o corpo ou os mecanismos de supervivencia individual e colectiva. As montaxes, procedentes de distintas compañías e con linguaxes escénicas moi diversas, conforman un percorrido por universos atravesados pola vulnerabilidade, a memoria e a procura dun lugar propio.
A compañía lucense Bengala Teatro Físico abre a axenda teatral da semana o xoves 21 con 'Alicia Wants To'. A peza, dirixida e escrita por An González, combina realismo máxico e crueza social para contar a historia de Alicia, unha adolescente marcada polas drogas, os abusos e a exclusión. A acción arranca no momento en que a protagonista abandona un centro de menores e se reencontra coa súa nai, nun contexto atravesado pola pobreza e pola falta de protección institucional.
Esta montaxe constrúe o relato a través dunha partida de xadrez na que o público participa activamente, tomando decisións que condicionan o desenvolvemento da historia. O elenco está integrado por Andrea Maseda, Estela del Río, Estrella Tomé e Alexia Villar. A función terá lugar ás 20.30 horas e ao remate haberá unha sesión de conversa co equipo artístico da obra.
O venres 22 será a quenda de 'Nortear', da compañía Columna Balteira, unha proposta escénica onde o político e o onírico dialogan nun espazo habitado por mulleres que buscan un punto no que ancorarse. A peza, dirixida e escrita por Helena Salgueiro, sitúa o público nun territorio atravesado polo espectral e polo etnográfico, onde os corpos transitan, danzan e traballan nun movemento continuo cara á utopía.
Sobre o escenario estarán Alba López, Adriana Rodríguez, Alixa Ladson, Helena Salgueiro e Masako Hattori, acompañadas pola banda sonora de Anne Lèpere e o espazo lumínico de Montse Piñeiro. A representación, tamén no Teatro Principal, comezará ás 20.30 horas e incluirá ao remate unha posfunción aberta ao público.
A programación continuará o sábado 23 de maio con 'Contra Ana', unha montaxe da compañía La Contraria que se fixo co Premio Max ao mellor espectáculo revelación en 2025. Esta autoficción, que aborda a anorexia e os trastornos da conduta alimentaria desde a experiencia persoal da súa autora, Alma García, revisita o período que a creadora pasou ingresada nunha clínica en Barcelona e reflexiona sobre a identidade, os mecanismos sociais que condicionan a percepción do corpo e a responsabilidade colectiva arredor dos TCA.
Dirixida por Paco Montes, a peza combina teatro, movemento e relato autobiográfico nunha proposta interpretada por Carmen Climent, Alma García, León Molina, Jone Laspiur ou Beatriz Justamante e Cristian Olarte. A función será igualmente ás 20.30 horas no Teatro Principal.











