Máis de cen nenos e nenas da Escola Municipal de Música levan ao Teatro Principal un festival inspirado n’O Principiño
O Festival de Música e Movemento celebrarase os días 19 e 20 de maio con propostas escénicas baseadas na obra de Antoine de Saint-Exupéry e música de Debussy, Ravel e Satie

O Departamento de Educación do Concello de Santiago de Compostela, xunto coa área de Música e Movemento da Escola Municipal de Música, organiza os días 19 e 20 de maio, ás 18:30 horas, no Teatro Principal, unha nova edición do Festival de Música e Movemento.
Máis de cen nenos e nenas de entre 3 e 7 anos protagonizan este espectáculo, que toma como punto de partida 'O Principiño' de Antoine de Saint-Exupéry para construír unha viaxe escénica chea de música, movemento e emoción.
A través dun conto orixinal creado polas profesoras da área de Música e Movemento, e adaptado especificamente ao formato escénico do espectáculo, o alumnado dará vida a novas aventuras do personaxe, conectadas co seu propio universo. Esta proposta narrativa funciona como fío condutor de toda a posta en escena, reforzando a coherencia e a carga emocional do conxunto.
O festival convida así a reflexionar sobre a importancia de medrar sen perder a capacidade de soñar, nun mundo cada vez máis acelerado.
A proposta inclúe música de compositores como Claude Debussy, Maurice Ravel ou Erik Satie, e abrirase cunha reflexión sobre a vida e o tempo a través da voz de José Mujica.











