Santiago reforza a súa promoción turística en Norteamérica cunha intensa axenda en Montreal
Turismo de Santiago mantivo máis de 50 reunións no “Spain Tourism Summit” e destaca a consolidación do mercado estadounidense e canadense na cidade

Montreal acolleu de 11 ao 14 de maio unha “Spain Tourism Summit”, organizda por Turespaña, dirixida especificamente aos mercados de Canadá e Estados Unidos e na que participan as catro OETs de EEUU: Nova Iorque, Chicago, Miami e Los Angeles, ademais da de Toronto, en Canadá.
Neste encontro participan as principais empresas e profesionais do mercado norteamericano que comercializan o mercado español, con diferentes perfís: como turismo de ocio, turismo de grupos e turismo MICE (de congresos, xornadas e incentivos).
Dende Turismo de Santiago mantivéronse máis de 50 reunións con profesionais tanto de diferentes puntos de EEUU coma de Canadá, comprobando a importante consolidación que está a vivir Compostela nos últimos anos nestes dous mercados, ambos cun importante valor engadido polo seu elevado nivel de gasto.
Así, Estados Unidos é xa o primeiro mercado emisor internacional a Santiago, con máis de 150.000 estadías no 2024, representando preto do 20% das estadías internacionais que se producen na cidade. Pola súa banda, Canadá situose o ano pasado como o décimo mercado internacional con maior número de Compostelas entregadas, con 8.843.
Turismo de Santiago participa normalmente nestes eventos que se celebran de promoción para os mercados norteamericanos, que son fundamentais para consolidar a transformación da demanda turística de Compostela, e que os resultados amosan a súa eficacia.
Neste ano, ademais de amosar os atractivos da cidade para diferentes perfís de turistas, a entidade municipal fixo especial fincapé na promoción da nova ruta directa Nova Iorque – Santiago de Compostela, operada por United Airlines, que será unha gran oportunidade para achegar ambos mercados a nosa cidade.
Esta acción complementa as que se fixeron nas últimas semanas en Irlanda, para promocionar as rutas de Aer Lingus a Dublín e Cork, que tamén é unha novidade deste ano, así como a participación da concelleira de Turimos, Míriam Louzao, e a Xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, nas Xornadas de Conectividade Área, organizadas por Turespaña e AENA, en Reus.











