A Biblioteca Municipal José Saramago conmemora o Día das Letras Galegas cun programa dedicado a Begoña Caamaño
O CSC das Fontiñas acollerá a inauguración dun mural, unha exposición fotográfica, unha charla, un roteiro pola Compostela da autora e diversas actividades participativas

A Biblioteca Municipal José Saramago súmase á conmemoración do Día das Letras Galegas e ao recordo a Begoña Caamaño, a xornalista e escritora á quen este ano se lle dedica o 17 de maio. O próximo venres, a partir das 18.30 horas, quedará inaugurado un mural conmemorativo no Centro Sociocultural das Fontiñas, elaborado polos nenos e nenas que participan nun obradoiro de debuxo que se desenvolve no propio CSC. O mural ficará no centro ao longo de todo o ano, ata que sexa substituído por outra obra conmemorativa sobre o autor ou autora a quen se lle dedique o Día das Letras Galegas de 2027.
Ademais, o Centro Sociocultural de Fontiñas acollerá tamén desde o venres unha exposición fotográfica sobre a obra de Begoña Caamaño. Sobre a súa figura afondarase nunha charla que correrá a cargo da profesora e historiadora Encarna Otero. O acto concluirá coa actuación do grupo de pandereiteiras do CSC de Vite.
As actividades impulsadas pola Biblioteca José Saramago con motivo do Día das Letras Galegas continuarán o día 20 de maio, cun paseo pola Compostela de Begoña Caamaño, guiado por Encarna Otero. O roteiro comezará na praza 8 de marzo ás 18.00 horas, e parta participar é preciso inscribirse previamente no teléfono 981 52 87 50.
Por último, durante toda a semana estase a desenvolver un xogo participativo no CSC Maruxa e Coralia sobre a figura de Begoña Caamaño, aberto a todas as persoas usuarias.











