Santiago convértese en música e memoria sonora no Auditorio de Galicia
‘Compostela In-audita’ transforma os sons da cidade nun espectáculo audiovisual en directo creado por Nacho Muñoz e Sol Álvarez

Compostela poderá escoitarse a si mesma este martes, 12 de maio, a través dunha experiencia escénica que transforma os sons cotiáns do territorio nunha peza audiovisual en directo. O Auditorio de Galicia acolle ás 20.30 horas 'Compostela In-audita', unha proposta creada polo músico e compositor Nacho Muñoz e pola artista visual Sol Álvarez no marco do ciclo Contemporáneas de Compostela Cultura.
O proxecto nace dun proceso de documentación e investigación sonora desenvolvido durante unha Residencia Rega en 2022, no que se recolleron gravacións de distintas rúas, barrios e parroquias compostelás. A partir dese material constrúese un espectáculo audiovisual de 60 minutos no que o público poderá mergullarse nunha reinterpretación artística da memoria acústica da cidade.
A peza combina a música en directo de Nacho Muñoz —electrónica, voz e composición sonora— coa vídeo-realización ao vivo da fotógrafa e artista visual Sol Álvarez, nun diálogo continuo entre imaxe e son que propón unha maneira distinta de percibir Compostela. O resultado é unha experiencia inmersiva que explora a identidade, a espiritualidade e o vínculo emocional co territorio desde a escoita atenta da súa paisaxe sonora.
'Compostela In-audita' forma parte de Sonic Parkour, o proceso de investigación artística impulsado por Nacho Muñoz arredor da relación entre son e espazo público. O proxecto atravesa disciplinas como a arte sonora, o urbanismo, a arquitectura, a antropoloxía, o cinema ao vivo ou o patrimonio inmaterial para reflexionar sobre a maneira en que os espazos son habitados e percibidos a través da súa dimensión acústica.
A programación complétase ademais coa actividade 'Sarela Caudal Sonoro. Un paseo acústico', impulsada polo Colectivo Galicia Emocional e coordinada xunto a Nacho Muñoz, Sol Álvarez e Marcos PTT. A iniciativa propón un percorrido inmersivo pola contorna do río Sarela, desde a Ponte do Carme até o Muíño de Parente, no que as persoas participantes escoitan e reinterpretan en directo os sons da auga, da paisaxe e da memoria do lugar mediante un sistema Silent Disco e diferentes dispositivos de captación sonora. As intervencións artísticas e os relatos da veciñanza intégranse nunha experiencia colectiva arredor do territorio e da súa memoria acústica. As prazas para os paseos, de capacidade limitada, están xa esgotadas.











