Padrón celebrará as Letras Galegas cun mes de música, teatro e homenaxes a Begoña Caamaño
O programa cultural comezará o 15 de maio e incluirá concertos, espectáculos familiares e o tradicional Festival das Letras Galegas

O Concello de Padrón presentou a programación das Letras Galegas 2026, unha proposta cultural que se desenvolverá ao longo do mes de maio e que estará dedicada á escritora e xornalista Begoña Caamaño Rascado, figura homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.
O programa incluirá espectáculos familiares, concertos e actividades arredor da música coral, coa intención de converter a vila nun espazo de encontro arredor da lingua e da cultura galega. Segundo destacou o Concello, a programación está pensada para públicos de todas as idades.
As actividades comezarán o venres 15 de maio ás 18.00 horas na Praza de Macías co espectáculo familiar ‘Brincadeiras da lingua’, de Migallas Teatro, unha proposta que mestura humor, música e participación arredor do idioma galego. Esa mesma xornada, ás 21.00 horas, a mesma praza acollerá o concerto ‘Cantares da terra’, a cargo de Mallou, nunha actuación centrada na música de raíz e na tradición oral galega.
Festival coral e concerto de Uxía
A programación continuará o sábado 16 de maio coa celebración do XXXVIII Festival das Letras Galegas, organizado pola Coral Polifónica Padronesa. O evento terá lugar ás 20.30 horas no Auditorio Municipal e contará coa participación da Coral Voces de Compostela, da Coral Feminina Barbanza e da propia formación padronesa.
As celebracións pecharanse o sábado 30 de maio, ás 21.00 horas na Praza de Macías, co concerto de Uxía, que presentará ‘Indómitas. Cancións begoñísimas’, unha proposta musical creada arredor da figura e do legado de Begoña Caamaño.
Desde o Concello animaron á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nunha programación que busca “poñer en valor a lingua galega, a creación artística e o papel da cultura como elemento de encontro e cohesión social”.
O programa das Letras Galegas 2026 en Padrón conta coa colaboración da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.











