Máis de 500 escolares percorren Compostela sobre rodas na VI Marcha Ciclista Escolar
A iniciativa da Policía Local promove a educación viaria, a mobilidade sustentable e os hábitos de vida saudables entre o alumnado compostelán

Máis de 500 rapaces e rapazas participaron hoxe na VI Marcha Ciclista Escolar organizada polo departamento de Educación Viaria da Policía Local. Os nenos e nenas fixeron un percorrido de 8 quilómetros pola cidade, cun descanso na Praza do Obradoiro onde foron recibidos pola alcaldesa, Goretti Sanmartín, o concelleiro de Mobilidade e Convivencia, Xan Duro, e outros membros da Corporación Municipal.
Na Marcha Ciclista Escolar participou o alumnado dos colexios López Ferreiro, Pío XII, Quiroga Palacios, Raíña Fabiola, Vilas Alborada e Vite. Con esta iniciativa, o departamento de Educación Viaria da Policía Local procura que os nenos e nenas poñan en práctica o aprendido ao longo do curso nas actividades impulsadas desde o departamento, como as charlas nos propios centros escolares ou no parque infantil de tráfico que se desenvolve en Amio. Trátase, tamén, de promover o uso da bicicleta como medio de transporte sustentable, os hábitos de vida saúdables, e a convivencia entre as crianzas.
A alcaldesa, Goretti Sanmartín, o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, e outros membros da Corporación recibiron os nenos e nenas no Obradoiro, onde fixeron un descanso e participaron nalgúns xogos, en colaboración con Decathlon, despois dun percorrido que os levou por boa parte da cidade, e que foi deseñado para que os escolares se puideran ir incorporando paulatinamente desde os seus propios centros.










