A Banda Municipal de Santiago aposta pola música galega no novo ciclo de concertos de verán
‘Escoita, sinte e desfruta!’ ofrecerá doce actuacións entre a Ascensión e o Apóstolo con presenza en festivais e programación diversa en prazas da cidade

A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, e o director da Banda Municipal de Música, David Fiuza, presentaron este luns a programación do Ciclo III da temporada ‘Escoita, sinte e desfruta!’, cunha marcada aposta pola música galega.
Míriam Louzao datallou que son “doce concertos que van desde a Ascensión ata o Apóstolo e que inclúen a participación en tres festivais, o Galaico Brass Festival, o FestiSax Compostela, e o TradiFest, e tamén a colaboración con diversas entidades”. Deste xeito, a Banda mantén o obxectivo de colaborar con diversas iniciativas e entidades do tecido compostelán e galego para achegarse a todos os públicos
David Fiúza destacou a aposta deste ciclo pola música galega, especialmente nos programas que se enmarcan nas festas tanto da Ascensión coma do Apóstolo, que serán “100% música galega”, avanzou, e animou a asistir ao concerto do próximo domingo 17, Día das Letras, no que soará música galega actual para bandas, cun repertorio que inclúe cancións de tradición popular.
Neste Ciclo III da programación ‘Escoita, sinte e desfruta!’ a Banda Municipal tamén dará espazo á música folk, aos sons dos musicais de Broadway e a música pop, e ao pasodobre, entre outras propostas.
Programa
O Ciclo III da BMMS comeza este mesmo xoves, día da Ascensión, coa ‘Algueirada en Compostela’ que a Banda ofrece ás 12.30 horas na praza da Quintana, xunto coa Agrupación Folclórica Colexiata de Sar.
O domingo 17 será o momento do ‘Concerto das Letras Galegas’, ás 12.00 horas na praza de San Martiño Pinario.
Xa o xoves 21 o protagonismo será para as bandas sonoras de películas populares coma ‘Grease’, ‘Mamma Mia’ ou éxitos de Disney en ‘Cantando historias’, ás 20.00 horas na praza das Praterías.
Á semana seguinte, o xoves 28 de maio tamén nas Praterías ás oito da tarde a Banda interpretará ‘Unha ollada sonora’, con zarzuela e outros xéneros.
No mes de xuño, todos os concertos serán os xoves ás 20.00 nas Praterías. O xoves 4 chega ‘O universo do pasodobre’, cun percorrido histórico e poliédrico sobre este xénero, que será seguido o 11 polo programa ‘ Da Ópera ao folclore’ e o 18 por ‘Rock Symphonie’. O día 25 será momento de pasodobres e zarzuelas, entre outras propostas, con ‘Desfrutando cos ventos’.
A Banda comezará o mes de xullo actuando, o xoves 2, no Galaico Brass Festival ás 20.00 horas na praza das Praterías co programa ‘Amici Gallaeciae’, que repetirá ao día seguinte, o venres 3 ás 22.00 horas, en Merza. Neste concerto destacan os solistas Alfonso González Barquín e Bertold Stecher, ambos os dous á trompeta, xunto con Archilles Liarmakopoulos (trombón) e Perry Hoogendijk (tuba)
O día 9 de xullo chega outro festival, o Compostela FestiSax, neste caso ás 20.00 hroras no Teatro Principal, onde a Banda Municipal ofrecerá o programa ‘Saxy Summer’. Neste concerto tocan coa banda os tres solistas de saxo gañadores do ano pasado neste mesmo festival: Unai Brito Trelles, Andrés España Fontán e Jorge Sánchez Cortés.
O xoves 15 de xullo a BMMS volve ás 20.00 horas ás Praterías coa proposta ‘Desde as raíces’, na que fará soar unha selección de zarzuelas.
Finalmente, o domingo 26 de xullo, a Banda actuará no TradFest a mediodía na praza da Quintana coa proposta ‘Horizonte Tradi’, con versións de música folk instrumental con novos artistas emerxentes.












