Así podes visitar por dentro espazos patrimoniais e culturais únicos de Santiago de balde
O Consorcio de Santiago organizará visitas abertas a igrexas, obras de restauración, ensaios da Real Filharmonía e á súa sede histórica

O Consorcio de Santiago súmase do 19 ao 22 de maio á Semana da Administración Aberta, unha iniciativa de carácter internacional impulsada pola Alianza para o Goberno Aberto (Open Gov Week), que ten como obxectivo achegar a cidadanía ás administracións públicas e dar a coñecer o seu funcionamento e actuacións.
Baixo o lema “Ven e coñécenos!”, o organismo organiza un programa de actividades de balde e abertas ao público que permitirá coñecer de primeira man o seu labor na conservación do patrimonio, na rehabilitación arquitectónica e na promoción cultural en Santiago de Compostela.
Ao longo de catro días, as persoas participantes poderán acceder a espazos de especial interese patrimonial e cultural, así como coñecer distintas actuacións impulsadas polo Consorcio en diferentes fases. Así, inclúense a visita á Igrexa das Ánimas, na que o Consorcio realizou no ano 2011 a restauración dos seus retablos; á obra de restauración do hórreo situado no Parque de Vista Alegre, actualmente en execución; e á Igrexa de Santa María de Conxo, onde se levará a cabo unha intervención proximamente.
No ámbito cultural, o programa inclúe a posibilidade de asistir a ensaios da Real Filharmonía de Galicia no Auditorio de Galicia, así como a visita á Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), ambas entidades xestionadas polo Consorcio, ofrecendo unha visión directa do seu funcionamento e da actividade musical na cidade.
Ademais, abriranse as portas da sede do Consorcio no Pazo de Vaamonde, edificio que foi residencia do doutor Vaamonde, coñecido e popular médico compostelán que introduciu os raios X na cidade, permitindo á cidadanía achegarse tamén á súa historia e á actividade institucional que hoxe acolle.











