Últimos días para optar á convocatoria artística da Zona C para 2026 e 2027
O prazo para presentar proxectos de creación e comisariado impulsados polo Auditorio de Galicia remata o 13 de maio ás 23.59 horas

O Auditorio de Galicia mantén aberta ata o mércores 13 de maio ás 23.59 horas a convocatoria pública para a selección de proxectos de creación artística e comisariado que formarán parte da programación da Zona C durante os anos 2026 e 2027. A iniciativa busca impulsar a arte emerxente galega e achegar á cidadanía propostas contemporáneas, consolidando este espazo como un lugar de experimentación, visibilización e reflexión crítica arredor da creación actual
A convocatoria está dirixida a artistas e comisarias/os —de maneira individual ou colectiva— que naceran ou residan en Galicia e que teñan menos de 35 anos no momento de presentar a solicitude. Cada participante poderá presentar un único proxecto, que deberá destacar pola súa calidade e viabilidade, así como pola súa capacidade de diálogo co espazo patrimonial da Zona C.
As propostas poderán concorrer en dúas modalidades: proxectos de creación artística e proxectos de comisariado. O Auditorio de Galicia seleccionará ata un máximo de catro iniciativas —tres de creación e unha de comisariado— que se desenvolverán nos espazos expositivos do primeiro e segundo andar da Zona C. Cada proxecto contará cunha dotación económica de 4.000 euros no caso da creación artística e de 6.000 euros para o comisariado, incluíndo todos os custos asociados á súa execución.
A valoración das propostas atenderá principalmente á súa calidade e coherencia, á viabilidade no espazo expositivo e á súa conexión coas correntes contemporáneas, así como ás posibles actividades de mediación asociadas. As intervencións seleccionadas deberán adaptarse ao calendario de programación do Auditorio de Galicia, que establecerá as datas en coordinación coas persoas participantes











