Lorca regresa ao Auditorio de Galicia a través da danza, a música e a memoria
A compañía de Óscar Cobos estrea este domingo 'Vicenta Lorca', unha proposta escénica arredor da figura do poeta desde a mirada íntima da súa nai

A figura de Federico García Lorca regresa á escena filtrada pola memoria e o afecto en 'Vicenta Lorca', unha proposta da Óscar Cobos Compañía de Danza que poderá verse este domingo 10 de maio, ás 20.30 horas, no Auditorio de Galicia. A estrea deste traballo intégrase no Foco NeoTrad da programación escénica de Compostela Cultura, unha liña de programación que explora os cruces entre tradición e contemporaneidade.
A peza preséntase como unha experiencia sensorial afastada da narración convencional. Sobre o escenario, tres intérpretes —o bailarín e coreógrafo Óscar Cobos, a actriz Inés Salvado e o pianista Abe Rábade— tecen unha linguaxe híbrida na que o corpo, a música e a palabra dialogan en igualdade. A proposta transita por imaxes simbólicas que evocan momentos esenciais da vida do poeta —o nacemento, a infancia, a perda ou a morte— para construír unha viaxe onírica que interpela directamente á emoción do público.
'Vicenta Lorca' afonda nunha dimensión universal: o vínculo entre nai e fillo. Desde esa perspectiva íntima, a obra revisita a figura de Lorca non como mito literario, senón como presenza viva filtrada pola memoria e o afecto. A frase “A muller que máis amo no mundo”, pronunciada polo propio autor, funciona como eco e punto de partida dunha creación que sitúa no centro a experiencia emocional.
Con dramaturxia e dirección de Lorena Conde, o espectáculo conta cun espazo sonoro creado por Abe Rábade e cun coidado deseño escénico e de vestiario a cargo de Carolina Díguele e Isabel O’Connor, que contribúen a configurar unha atmosfera suxestiva e evocadora.











