Compostela co Sur Global levará á Casa das Máquinas un encontro sobre cooperación e solidariedade internacional
A iniciativa impulsada pola Coordinadora Galega de ONGD coa colaboración do Concello incluirá actividades para público familiar e espazos de diálogo sobre cooperación internacional

A Casa das Máquinas de Santiago de Compostela acollerá este venres 8 de maio unha nova edición de ‘Compostela co Sur Global’, unha xornada organizada pola Coordinadora Galega de ONGD dentro do programa ‘Compostela máis Solidaria’ e que busca achegar á cidadanía a realidade da cooperación ao desenvolvemento e ás persoas que participan nela.
A actividade arrancará ás 16.30 horas cun primeiro bloque de escoitadoiros e pequenas conversas nas que participarán persoas vinculadas aos proxectos e ONGD beneficiarias das subvencións municipais de cooperación ao desenvolvemento concedidas o pasado ano. Durante estas intervencións, voces galegas e procedentes de países do Sur Global compartirán experiencias e reflexións arredor do impacto da cooperación internacional nun contexto global marcado pola complexidade social e humanitaria.
Segundo explican desde a organización, os encontros abordarán cuestións relacionadas cos dereitos fundamentais, o papel das mulleres nos proxectos de cooperación e as aprendizaxes compartidas entre territorios e comunidades. A programación incluirá ademais un espazo aberto de encontro entre o público asistente e as relatoras participantes.
Contacontos e curtametraxes para todos os públicos
A xornada continuará xa pola tarde-noite con actividades dirixidas a público familiar e persoas de todas as idades. Ás 19.00 horas, a compañía Bandullo Azul representará o espectáculo ‘Historias dun mundo grande’, unha proposta escénica centrada na solidariedade e na cooperación internacional a través de contos procedentes de distintas culturas do mundo.
Como peche do encontro, ás 20.00 horas celebrarase unha sesión de cine con varias curtametraxes sorpresa, acompañada de pipocas para as persoas asistentes.
A organización lembra que a entrada será libre e que existe a posibilidade de asistir unicamente ás actividades desexadas. Con todo, solicítase inscrición previa para facilitar a organización do evento.












