Carlos García Resúa, novo decano da Facultade de Óptica e Optometría da USC
O novo equipo directivo aposta por reforzar a formación clínica, a internacionalización e a innovación docente

O profesor Carlos García Resúa resultou elixido novo decano da Facultade de Óptica e Optometría nunha xunta extraordinaria de facultade este xoves na que acadou 28 votos dos 35 emitidos. Acompañarano nesta andaina os vindeiros seis anos o vicedecano Hugo Pena Verdeal, profesor da área de Optometría do departamento de Física Aplicada da USC, e a secretaria Mª Covadonga Vázquez Sánchez, profesora da área de Optometría do departamento de Física Aplicada da USC.
O novo equipo márcase como reto prioritario o impulso da formación clínica e da internacionalización da Facultade, avanzando cara ao Diploma Europeo en Optometría do ECOO co obxectivo de reforzar a integración entre teoría e práctica, mellorar as competencias clínicas do estudantado e situar a Facultade nun contexto europeo de referencia.
Outra das prioridades será a innovación docente, “coa promoción de metodoloxías activas e experiencias de Aprendizaxe-Servizo que permitan conectar a formación coa realidade profesional e social”, explica o novo decano, que ademais pretende impulsar unha maior coordinación académica entre materias, prácticas e actividades formativas, así como o reforzo da mobilidade internacional do estudantado, profesorado e persoal técnico.
A mellora dos recursos humanos e materiais, coa recuperación e fortalecemento das prácticas clínicas e preclínicas, e do Servizo de Optometría son outras cuestións que guiarán a acción de goberno do novo equipo, que tamén quere poñer o acento “no incremento da visibilidade da Facultade, reforzando a relación co ámbito profesional e coa sociedade mediante actividades científicas, formativas e de divulgación, así como a colaboración con outras facultades e co Colexio Oficial de Ópticos-Optometristas”.











