'Area e Esquecemento' leva ao CSC Maruxa e Coralia a realidade dos campamentos saharauís de Tindouf
A exposición impulsada pola Unidade de Atención ás Migracións reúne fotografías de Javier Iglesias para reivindicar a memoria do conflito do Sáhara Occidental cincuenta anos despois da Marcha Verde

O Centro Sociocultural Maruxa e Coralia acolle ata finais de mes “Area e Esquecemento”, unha exposición impulsada pola Unidade Municipal de Atención ás Migracións que reúne fotografías de Javier Iglesias nos campamentos de refuxiados de Tindouf. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, explicou hoxe que o obxectivo da mostra “é chamar á veciñanza de Santiago a non esquecer o conflito do Sáhara Occidental”.
A tenenta de alcaldesa e o fotógrafo Javier Iglesias fixeron hoxe un percorrido pola exposición, no que tamén participou o edil de Centros Socioculturais, Xan Duro. María Rozas incidiu en que “50 anos despois da Marcha Verde, e cando todas miramos con preocupación outros conflitos recentes, non podemos permitir que se normalicen realidades coma as que se viven no Sáhara”. Nese sentido, lembrou que “temos xeracións enteiras que naceron e medraron en campamentos de refuxiados, son cinco décadas de tensión militar e de incumprimentos dos dereitos humanos, e é unha obriga colectiva a de non esquecer o Sáhara”.
Pola súa banda, Javier Iglesias explicou que as fotografías que se poden ver no CSC Maruxa e Coralia foron tomadas en Tindouf a finais dos anos 90, “pero están de vixente actualidade, porque a situación lamentablemente non mudou demasiado neste tempo”. O fotógrafo explicou que recuperou as imaxes ao cumprirse os 50 anos da Marcha Verde e decidiu expoñelas sen corrixir o deterioro dos orixinais “porque é o símbolo perfecto do paso do tempo no Sáhara sen solución ningunha ao conflito”.
A mostra “Area e Esquecemento” poderase visitar no CSC Maruxa e Coralia a finais de mes. Para o próximo día 18, a partir das 19.30, o centro acollerá unha charla sobre a situación do Sáhara na que participarán o fotógrafo Javier Iglesias e o profesor Santiago Jiménez, membro de OUISO, do Observatorio Galego para o Sáhara e do Colectivo Al-Dabarán; e o presidente do Fondo Galego de Cooperación, Juan Antonio González.











