A Sala Capitol prepárase para unha noite histórica con Rebeliom do Inframundo e o seu novo LP
A banda pioneira do rap galego actuará este venres en Santiago acompañada de artistas como Hard GZ, Kaze, Wöyza ou Iria Medraño
Rebeliom do Inframundo

Rebeliom do Inframundo desembarca esta fin de semana na Sala Capitol para presentar en directo o seu novo disco, ‘Orgulho’, nun concerto que chega xa co cartel de entradas esgotadas. A cita celebrarase este venres 8 de maio a partir das 20.00 horas e converterase no único concerto en recinto pechado que a banda ofrecerá en Galicia dentro desta nova xira.
O grupo chega a Compostela nun dos momentos de maior proxección da súa carreira tras iniciar a xira ‘Orgulho’ en cidades como Barcelona, Bilbao e Madrid. Sobre o escenario da Capitol estarán tamén artistas convidados como Hard GZ, Kaze, Wöyza e Iria Medraño, mentres que Nadie González será o encargado de abrir a velada cun showcase previo.
O novo traballo discográfico de Rebeliom do Inframundo preséntase como un álbum profundamente ligado á identidade, á memoria e ás raíces galegas. “É un traballo consciente e autocrítico, un traballo persoal que segue tendo a nosa raíz, a nosa forza e a nosa potencia, pero tamén a madurez e a calma necesarias nestes tempos convulsos”, explica Nervo, integrante da banda.
Un disco de raíz, rabia e memoria colectiva
‘Orgulho’ supón o quinto disco da formación e reforza o vínculo do grupo coa tradición popular galega, combinando rap, electrónica e elementos ligados á música de raíz. A banda define o álbum como “un disco de raíz, cheo de rabia, paixón, tradición e respecto por un mesmo e polas nosas devanceiras”.
O traballo aborda conceptos como o orgullo colectivo, a clase social, a memoria histórica ou o sentimento de pertenza a unha terra. “Nun tempo no que o individualismo parece impoñerse e as oportunidades estréitanse, cremos que é fundamental reivindicar o orgullo de pertencer a unha terra, a unha historia, a unha memoria compartida”, sinalan desde a banda.
Musicalmente, o grupo asegura que este é probablemente o seu disco “máis vertixinoso”, pensado tanto para a escoita completa como para o directo, onde a enerxía do proxecto alcanza a súa máxima expresión. Entre os temas incluídos no LP figuran cancións como ‘Sube’, ‘Bate Fado’ ou ‘Nada’.
Máis dunha década desde a trincheira musical galega
Formada por Nervo, Malvares, Frank Huxley, Busto e DJ Pol, Rebeliom do Inframundo leva máis dunha década construíndo unha proposta musical que mestura rap hardcore, electrónica e tradición galega cun discurso fortemente ligado á identidade colectiva e á reivindicación social.
Desde os seus primeiros traballos ata discos como ‘Lume’, ‘Amor ou Barbárie’ ou ‘Ilegal’, o grupo consolidouse como unha das formacións máis recoñecidas da escena galega actual. Nos últimos meses volveron demostrar a súa forza de convocatoria esgotando entradas en espazos emblemáticos como a propia Sala Capitol, algo que agora repiten coa presentación de ‘Orgulho’.












