A Romaría das Flores medra a dous días nas Festas da Ascensión
Belvís acollerá o 16 e 17 de maio concertos, actividades familiares e unha oferta gastronómica ampliada nunha cita que se consolida na programación compostelá

Santiago de Compostela volverá acoller unha das citas máis singulares da súa programación festiva coa celebración da ‘Romaría das Flores’, que este 2026 se amplía a dous días e se desenvolverá os sábado 16 e domingo 17 de maio no Parque de Belvís, no marco das Festas da Ascensión, presentadas esta semana pola concelleira Pilar Lueiro, quen destacou que se trata da celebración máis picheleira do ano, cun programa para toda a veciñanza de Compostela.
Logo do éxito da súa primeira edición, a Romaría consolídase como unha festa ecléctica e divertida para todos os públicos e que combina concertos, actividades infantís, picadiscos e unha ampla zona gastronómica con participación de hostaleiros da cidade coma Chicha Lovers ou O Bochinche e mantendo o espírito de encontro popular e diversidade musical que a caracteriza.
A programación musical reunirá propostas destacadas da escena galega e peninsular cun sábado 16 no que actuarán os emerxentes Fuego Lolita, unha das bandas que forman parte do Centro Xove de Creación Cultural da Almáciga en Compostela; a banda valenciana Lisasinson que presentará o seu novo disco ‘Desde Cuándo Todo’; o mc compostelán Cibrán García, metade de Boyanka Kostova, co seu novo proxecto Saibran; os andaluces Los Mejillones Tigre coa súa mestura de garaxe, cumbia e psicodelia; Familia Caamagno que presentan o recente ‘Disco Comarcal’ nun concerto especial no que estarán acompañados da Orquestra do Quince; e os iconos do indie rock Los Punsetes que levan máis de vinte anos enchendo salas e escenarios co seu singular directo e os seus himnos afiados. A xornada completarase coa ‘pinchada’ en sesión vermú de Chicho Selektor (Ortiga) e o peche a cargo das pica discos Pídechas o corpo.
O domingo 17, a Romaría prolongará ata media tarde a celebración cunha sesión vermú expandida co garaxe tropical da banda luso-brasileira afincada en Portugal Vinicius e seu Conjunto Selvagem, coa divertida e orixinal Orquesta Neverloura e coa a mestría aos pratos para facer que a xente se menee de Bigote Mix (Malandrómeda, Fluzo).
A programación familiar e infantil contará con actividades populares e musicais con Xogos do Paporrubio e coa imprenta tipográfica ambulante Alouette Machine. Amais, como novidade, a Romaría das Flores sumará forzas con editoras locais que celebrán tamén no Parque de Belvís nestas datas a súa Feira de Editoras de Compostela.
A ‘Romaría das Flores’ está organizada polo Concello de Santiago, coa produción de Tremendo Audiovisual, e conta co patrocinio principal de Deleite, así como co apoio de Estrella Galicia, Bodegas Lodeiros e Paco & Lola.
Con esta segunda edición, a Romaría das Flores dá un paso máis e reafírmase como unha das propostas culturais e festivas máis singulares da primavera e das festas compostelás, combinando música, lecer e convivencia nun dos espazos máis emblemáticos da cidade.












