9louro, Saya e Lumedoloop encabezan o cartel do ComposFest 2026 na Quintana
O festival gratuíto das Festas da Ascensión celebrará o 15 de maio a súa cuarta edición cunha aposta pola música urbana e en galego

9louro, Saya e Lumedoloop chegan ao ComposFest, unha das propostas musicais máis destacadas da programación das Festas da Ascensión que terá lugar o 15 de maio na Praza da Quintana, que pasará a ser novamente un punto de encontro da música en directo en galego e da cultura urbana da cidade.
9louro chega ao Composfest como unha das voces emerxentes da nova música urbana galega, formando parte dunha xeración que está a impulsar o uso da lingua. Co seu último álbum, 'Amorrer', presenta un universo propio no que mestura electrónica, ritmos urbanos e unha narrativa emocional ligada á realidade da súa xeración.
Tamén estará Saya, artista compostelá con raíces palestinas e proxección internacional, que achegará ao festival unha sesión marcada pola diversidade sonora e pola cultura de club. Como DJ, combina estilos como batida, arab club ou bass, construíndo unha proposta dinámica e aberta a diferentes formas de entender a música electrónica.
Completa o cartel Lumedoloop, o trío de hip hop compostelán formado por Jamas, Møu e DJ Mil. Cunha traxectoria de máis de dúas décadas, son referentes da escena galega e chegarán ao festival co seu primeiro LP, '(Re)existencia', no que combinan poesía, denuncia social e cultura hip hop cunha identidade marcada e sen concesións.












