Identificado o autor das verteduras ilegais de entullos en Ponte de San Domingos
A Policía Local atribúelle o depósito dun cento de sacos de obra tras un dispositivo con axentes de paisano e colaboración veciñal; enfróntase a unha multa de ata 3.000 euros

A Policía Local vén de identificar a persoa responsable das reiteradas verteduras de entullos rexistradas na rúa da Ponte de San Domingos, que se enfronta agora a unha sanción de ata 3.000 euros. Foi despois dun importante dispositivo no que nas últimas semanas participaron axentes, tanto de paisano como uniformados, e no que tamén foi importante a colaboración cidadá.
Nas últimas semanas víñanse detectando verteduras de entullos en sacos de obra na zona de San Lourenzo, máis en concreto na rúa da Ponte de San Domingos. A Policía Local activou un dispositivo para dar cos autores, e logrou localizar, nunha obra de reforma, o vehículo utilizado para depositar os residuos. Finalmente púidose dar co operario, que recoñeceu ser o autor da vertedura dun cento de sacos de entullos en Ponte de San Domingos. A Policía Local atribúelle as verteduras anteriores rexistradas no mesmo lugar.
O Concello de Santiago fai unha chamada á responsabilidade e á colaboración da veciñanza para evitar estas verteduras e dar coas persoas responsables no caso de que se produzan. Ademais, lembra que os entullos de obras menores domiciliarias deben ser levados ao Punto Limpo, que está aberto de luns a venres en horario de 10.50 a 14.00 horas, e de 16.00 a 19.50 horas; así como os sábados de 10.50 a 18.10. Ademais, Santiago conta cun servizo de recollida de voluminosos a domicilio, que se pode solicitar chamando ao 981 565469.
No caso das obras maiores, deben instalarse os contedores ou sacas de entullos coa correspondente autorización municipal.









