‘Filtro’ leva ao Teatro Principal a memoria dun dos episodios máis duros da democracia uruguaia
A peza de La Dramática Errante reconstrúe os feitos do Hospital Filtro de 1994 nunha proposta que combina rigor documental e emoción escénica

A noite do 24 de agosto de 1994 serve como punto de partida para 'Filtro', unha proposta escénica de La Dramática Errante que reconstrúe un dos episodios máis impactantes da historia recente de Uruguai. A peza, que poderá verse este venres, ás 20.30 horas no Teatro Principal mergúllase nos acontecementos arredor do Hospital Filtro en Montevideo, onde unha mobilización cidadá derivou nunha dura intervención policial que deixou vítimas e marcou un antes e un despois na memoria colectiva do país.
A partir do suceso do Hospital Filtro —considerado un dos episodios de violencia e represión social máis graves da democracia uruguaia— a obra reconstrúe a mobilización cidadá contra a extradición de tres membros de ETA residentes no país e a resposta das forzas de seguridade, que ocasionou a morte dos uruguaios Fernando Morroni e Roberto Facal e deixou centos de persoas feridas. No tecido deste relato entre a realidade e a ficción, a montaxe incorpora materiais reais para construír unha dramaturxia que interpela o presente desde a emoción e a revisión crítica da historia recente.
Escrita por María Goiricelaya, e co-dirixida pola autora e pola súa compañeira artística Ane Pikaza, 'Filtro' continúa a liña de traballo dunha compañía consolidada como referente da escena contemporánea pola súa mirada comprometida e pola creación de novos discursos escénicos. Conta cun elenco integrado polos uruguaios Marcos Valls, Luis Pazos, Agustín Urrutia e Camila Parard, que asumen múltiples personaxes nunha proposta de forte carga coral. O equipo artístico complétase cunha coidada proposta escénica na que destacan o deseño de iluminación e escenografía de Claudia Sánchez, o vestiario de Malena Paz e o traballo sonoro e visual de Ibon Belandia e Ibon Aguirre. Un conxunto de profesionais que constrúen unha linguaxe escénica depurada, ao servizo dun relato que combina rigor documental e intensidade emocional.
Coa súa volta ao Teatro Principal, tras a presentación en 2025 de 'Ni flores, ni funeral, ni cenizas, ni tantán', tamén ao abeiro da programación escénica de Compostela Cultura, La Dramática Errante retoma o diálogo co público compostelán cunha nova creación que afonda en cuestións de carácter social e político, mantendo unha aposta teatral que combina proximidade, rigor e contemporaneidade.
Antes de chegar a Compostela, 'Filtro' estreouse en Montevideo coincidindo co 30 aniversario dos feitos que aborda e acumulou xa máis de trinta funcións, con presenza en festivais como Temporada Alta de Montevideo, Santiago Off ou dFeria de Donostia. Nesta segunda xira por teatros da contorna estatal, ademais de Santiago, visitará cidades como A Coruña, Tenerife, Leganés, Getxo ou Irun.









