Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Santiago de Compostela

A USC inaugura unha exposición en Fonseca polo Día das Letras Galegas dedicada a Begoña Caamaño

A mostra repasa a traxectoria da xornalista e escritora viguesa, destacando o seu compromiso co feminismo, a lingua galega e o pensamento crítico a través da súa obra e actividade xornalística

A exposición ‘As voces de Begoña Caamaño’, aberta no Claustro Alto do Colexio de Fonseca ata o 28 de maio, reúne artigos, materiais xornalísticos e referencias literarias da autora
A exposición ‘As voces de Begoña Caamaño’, aberta no Claustro Alto do Colexio de Fonseca ata o 28 de maio, reúne artigos, materiais xornalísticos e referencias literarias da autora
Santi Alvite
0620_wayalia_redideal_251121_carlos
0620_bonilla_redideal_251121_veronica
liceo620

Xornalista, escritora, activista e un dos discursos máis destacados do feminismo galego contemporáneo. Todas estas voces emanan da figura de Begoña Caamaño a quen neste 2026 se lle dedica o Día das Letras Galegas. A USC a través da Biblioteca Universitaria e da Área de Cultura súmase a esta homenaxe cunha mostra que percorre a traxectoria vital da autora e o seu compromiso co pensamento crítico, coa lingua e cos dereitos das mulleres. Nela póñense de relevo as súas contribucións no eido do xornalismo radiofónico e da prensa escrita así como a súa decisiva achega á literatura galega a través dunha obra narrativa breve pero de enorme alcance.

“Esta exposición convídanos a escoitar esas múltiples voces: a da narradora, a das súas personaxes, a da xornalista, a da muller e a da cidadá comprometida co seu tempo e coa súa lingua”, destacou a reitora Rosa Crujeiras no acto inaugural. A reitora subliñou os valores sobre os que se asenta a obra de Caamaño: “o feminismo, a xustiza social, a defensa da nosa lingua constitúen piares da nosa actividade universitaria; principios que interpelan ao conxunto da comunidade e respecto dos que asumimos o compromiso de promover, con responsabilidade e rigor, a súa integración efectiva e a súa asunción compartida por todas e todos”.

Para Mabela Casal, directora da Biblioteca Universitaria, esta mostra reúne “compromiso, literatura e conmemoración” e serve para lembrar a quen fixo da palabra “un exercicio ético”. Cristina Cabada, comisaria da mostra titulada 'As voces de Begoña Caamaño', lembrou que a exposición permite poñer o foco nunha obra “brillante, madura e reducida por mor da desaparición prematura da autora”. Pero non só iso, xa que o legado exposto tamén salienta o rol de Begoña como lectora para “facer visible o humus que nutre a súa obra”.

Ademais de reitora, directora da Biblioteca e comisaria, o acto inaugural contou tamén coa intervención de dúas amigas persoais da homenaxeada: a xornalista e escritora, Ana Romaní, e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín. Para Ana Romaní, Begoña Caamaño é “unha figura iluminadora en tempo sombrío”. A xornalista definiu a Caamaño como unha “afirmación da esperanza”. Para Begoña, dixo, era preciso cambiar as cousas, por iso lanzaba cuestións incómodas como “a quen pertence o corpo das mulleres? Ou, por exemplo, que entendemos por democracia?”. Finalmente, a alcaldesa lembrou a paixón que Begoña Caamaño sentía polo diálogo. “Gozaba da conversa nas ondas, no comité de empresa, en foros internacionais sobre os dereitos das mulleres, desfrutaba da conversa coas amigas”, dixo.

Escolma diversa

A documentación que se exhibe no Claustro Alto do Colexio de Fonseca ten como obxectivo achegar ao público a relevancia cultural, social e literaria de Begoña Caamaño, reivindicando unha autora que fixo do xornalismo, da palabra e da creación un espazo de intervención ética e política. Así, a mostra presenta unha escolma de artigos de opinión aparecidos en distintas revistas e xornais, nos que a escritora viguesa toma partido a favor da insubmisión, contra a xestión do desastre ecolóxico do Prestige, na defensa do ensino e da sanidade pública e de xeito transversal, na defensa dos dereitos das mulleres. Nos apartados dedicados ás súas dúas novelas, 'Circe ou o pracer do azul' e 'Morgana en Esmelle' técese un diálogo con autoras como Margaret Atwood e as galegas Xohana Torrres, María Xosé Queizán ou Chus Pato, pioneiras na tarefa de reformular figuras de mulleres senlleiras, reais ou imaxinadas.

A escolla de Begoña Camaño para as Letras Galegas 2026 converte esta exposición nunha boa oportunidade para redescubrir un legado que segue plenamente vixente.  A mostra pode visitarse do 5 ao 28 de maio, en horario de luns a venres, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas.

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
PRIMERA-LINEA-620