Santiago acolle o inicio do Correlingua 2026 cun chamamento ao uso do galego entre a mocidade
A alcaldesa Goretti Sanmartín participa na entrega de premios dunha edición que percorrerá Galicia ata finais de maio

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, participou este martes no acto de entrega de premios do Correlingua 2026, que tivo lugar no Palco da Música da Alameda. Na súa intervención, a rexedora falou da importancia da lectura, aproveitando a proximidade no mesmo espazo da Feira do Libro. No seu saúdo, antes de facer entrega dos premios, convidou a falar e reivindicar o galego con orgullo, como así o fai moita xente que chega de fóra a Santiago e coñece o noso idioma propio e quere empregalo.
O 26ª edición do Correlingua arranca con esta xornada festiva en Compostela, co lema “Co galego no corazón, facemos revolución”, proposta gañadora creada polo alumnado de 1º de Actividades de Panadaría e Pastelaría do CIFP de Vilamarín.
Co obxectivo de sensibilizar a rapazada sobre o patrimonio que representa a lingua propia, a Alameda compostelá acolle o arranque da festa do galego para gozar dunha xornada festiva lúdica, reivindicativa e educativa na que rapazas e rapaces de 3 a 18 anos se xuntan para celebrar o uso da lingua.
As festas Correlingua comezan con esta celebración en Santiago e continúan os próximos días na Coruña, Moaña, Lalín, A Estrada, Monforte, Narón, Ourense, A Mariña, Pontevedra e Vigo para rematar en Lugo o 27 de maio.
A maior actividade de promoción da lingua
O Correlingua é unha actividade organizada por CIG Ensino, coa colaboración da Mesa pola Normalización Lingüística e a AS-PG. Patrocinan as deputacións da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra xunto cos concellos de Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Ferrol.
A proposta abarca unha serie de propostas programadas para infancia e mocidade co obxectivo de reivindicar o dereito a medrar en galego e a necesidade de exercer de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso da nosa lingua, única forma de garantir o seu futuro. O Correlingua conta con 26 anos de historia en que se converteu na maior actividade de promoción do uso da lingua da infancia e da mocidade de Galicia.









