A USC incorpora ao experto internacional Nicholas Márquez-Grant ao CRETUS
A chegada do investigador reforza a proxección científica do centro e abre unha nova liña en antropoloxía forense

O Centro de Investigación Interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS) reforza a súa capacidade científica e de atracción de talento coa incorporación de Nicholas Márquez-Grant, experto de recoñecido prestixio a nivel internacional en arqueoloxía e antropoloxía forense. Esta incorporación supón un fito para o centro, que suma por primeira vez un investigador sénior a través deste programa, sendo esta a única axuda ATRAE concedida á USC dentro das 37 outorgadas a nivel estatal na convocatoria 2025.
Márquez-Grant, que se incorpora desde a súa posición de profesor titular na Universidade de Cranfield (Reino Unido), un dos centros educativos de referencia en Arqueoloxía e Antropoloxía Forense, conta cunha sólida traxectoria internacional. É licenciado en arqueoloxía pola Universidade de York, máster en antropoloxía física pola Universidade de Sheffield e doutor pola Universidade de Oxford, onde actualmente é investigador asociado. É, ademais, o presidente da Asociación Británica de Antropoloxía Forense. Ao longo da súa carreira traballou en arqueoloxía e antropoloxía forense en distintos países europeos e en laboratorios de criminalística no Reino Unido, asistindo ás forzas de seguridade en casos de mortes accidentais, homicidios ou contextos bélicos. Especialista en restos humanos, centrando a súa carreira arqueolóxica na época púnica en Eivissa, conta con máis de 100 publicacións científicas, unha ampla experiencia docente en universidades europeas e dirixiu máis de 20 tese doutoral.
Unha incorporación estratéxica para CRETUS
A súa chegada ao laboratorio PollutedPast do CRETUS permitirá crear e liderar unha nova liña de investigación en antropoloxía forense, reforzando as actuais capacidades do centro en bioarqueología. Traballará estreitamente co persoal investigador achegando un enfoque interdisciplinario que conecta o estudo de restos humanos coa análise ambiental e o valor engadido das análises forenses. Esta incorporación tamén fortalece o papel da USC no ámbito da arqueoloxía do Mediterráneo e os procesos de colonización, ampliando a súa proxección internacional nestas áreas coa incorporación de Márquez-Grant como profesor na área de arqueoloxía.
Durante a súa estadía, abordará algúns dos principais desafíos actuais neste ámbito cun enfoque aplicado e social. O seu traballo contribuirá ao desenvolvemento de técnicas para mellorar os procesos de procura, localización, documentación e recuperación de restos humanos, mellorar algúns dos métodos actuais para a súa identificación, apoio a procesos de xustiza a través da análise e interpretación de lesións traumáticas en restos óseos, alén de impulsar a divulgación científica neste campo, especialmente entre os máis novos.
Cunha ampla rede internacional de colaboradores e experiencia en misións humanitarias e casos de gran relevancia, a súa chegada reforza a proxección internacional de CRETUS e permitirá achegar a investigación do centro á sociedade, conectando os estudos sobre restos humanos e medio ambiente con aplicacións forenses reais.
Con esta incorporación a través do programa ATRAE e a chegada este ano de tres investigadoras Marie Skłodowska-Curie, o CRETUS, centro da Rede CIGUS cofinanciado pola Unión Europea (Galicia FEDER 2021-2027), reforza a súa capacidade para atraer talento investigador de excelencia internacional.









