A EAEM acolle clases maxistrais de percusión co recoñecido intérprete Juanjo Guillem
O músico valenciano impartirá formación especializada os días 7 e 8 de maio nun encontro dirixido a alumnado avanzado e profesionais

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), centro de referencia na formación musical en Galicia, acollerá os días 7 e 8 de maio unhas clases maxistrais de percusión impartidas por Juanjo Guillem (Catarroja, 1965), unha das figuras máis destacadas da percusión a nivel estatal e internacional.
Creada en 1997 e integrada no proxecto artístico da Real Filharmonía de Galicia, a EAEM ten como obxectivo a formación e perfeccionamento de músicos profesionais, combinando ensino especializado con experiencia directa no ámbito orquestral. O seu modelo formativo baséase no contacto directo co profesorado da propia orquestra, o que permite ao alumnado traballar con músicos en activo de alto nivel.
Neste contexto, as clases maxistrais constitúen unha das liñas fundamentais da súa actividade, coa participación habitual de intérpretes de prestixio internacional que comparten a súa experiencia co alumnado.
Juanjo Guillem, percusionista solista, músico de orquestra, docente e impulsor de proxectos pedagóxicos, desenvolveu unha traxectoria marcada polo seu compromiso coa creación musical actual e pola expansión do repertorio para percusión. Ao longo da súa carreira actuou en Europa, Asia e América e colaborou con numerosos compositores que escribiron obras especificamente para el.
Ten interpretado concertos para percusión e orquestra de autores como Takemitsu, Gubaidulina, Tan Dun ou Cristóbal Halffter, xunto a formacións como a Orquesta Nacional de España, a Orquestra Sinfónica de Barcelona ou a Orquestra de Cámara de San Petersburgo, entre outras. No ámbito pedagóxico, é fundador do Centro de Estudos NEOPERCUSIÓN e profesor en diversas institucións superiores.
As sesións na EAEM están dirixidas a alumnado avanzado e profesionais interesados en profundar na técnica e na interpretación da percusión, ofrecendo un espazo de aprendizaxe intensivo e especializado.









