Santiago aproba por unanimidade unha declaración institucional polo Día das Letras Galegas 2026
A Corporación municipal reivindica a figura de Begoña Caamaño e reafirma o compromiso co uso e promoción do galego en todos os ámbitos

A Corporación Municipal do Concello de Santiago aprobou por unanimidade no pleno ordinario de abril, celebrado este xoves no Pazo de Raxoi, unha declaración institucional con motivo do Día das Letras Galegas 2026.
A declaración gaba a traxectoria feminista, pacifista e internacionalista de Begoña Caamaño, narradora e xornalista, e lembra que o Concello de Santiago ten alcanzado moitos acordos unánimes en prol da lingua.
Nese contexto, a Corporación compostelá comprométese a continuar ampliando o espazo do galego e garantir os dereitos lingüísticos de todas as persoas Tamén a transmitir socialmente que a lingua propia é a mellor escolla para canalizar os valores, o talento, a cultura e os produtos de Galicia ao mundo. “Comprometémonos, como Concello e como Corporación, a ser exemplo, como o foi e o segue sendo Begoña Caamaño”, defende a declaración institucional.
“Volvemos anovar o compromiso coa lingua”, afirma o texto apoiado por todos os grupos políticos municipais, e sinala que se trata dun “compromiso que cómpre verificar no día a día, ao longo de todo o ano, no noso comportamento individual e colectivo, desde o espazo político e institucional ata o tecido social, reivindicando o seu uso e participando de todas as accións que o promoven, mais, sobre todo, usándoo”.









