O PP alerta dun “máximo histórico de criminalidade” en Santiago e pide máis cámaras de videovixilancia
Borja Verea asegura que os datos oficiais reflicten un aumento dos delitos e propón reforzar a seguridade con máis sistemas de vixilancia

O líder do Partido Popular en Santiago, Borja Verea, advertiu hoxe no pleno municipal de que existen “datos oficiais que non son discutibles” que evidencian un incremento da criminalidade na cidade.
“O ano pasado, con datos anuais xa pechados, 2025 rexistrouse o máximo histórico da cidade. Nunca tantos delitos houbo como o ano pasado. 2025 foi o ano con maior número de delitos en Santiago desde que hai rexistros”, afirmou.
Verea sinalou que se trata dunha “tendencia que se vai incrementando ano a ano” e dunha “tendencia á alza na criminalidade na nosa cidade”.
O dirixente popular puxo o foco tamén en determinados delitos, destacando que “os delitos de lesións e as liortas tumultuarias aumentaron un 41%”, o que cualificou como “case o dobre que antes da pandemia de 2019”, incluíndo neste tipo delituoso “moitos episodios de pelexas e altercados que se producen en zonas de ocio nocturno”.
Así mesmo, indicou que “outro incremento significativo é o dos roubos con violencia, que aumentaron un 72%”.
“Polo tanto, en 2025 —dato non discutible— foi o ano con maior criminalidade na nosa cidade. E tamén o ano pasado Santiago foi a cidade galega con maior taxa de criminalidade por habitante”, afirmou, engadindo que son “datos que están á vista de todo o mundo”.
Neste sentido, asegurou que esta realidade “é percibida tamén polos santiagueses e polas santiaguesas”, facendo referencia a problemas como “narcopisos, problemas de convivencia, problemas de seguridade, ruído, altercados nocturnos, roubos na rúa e nos establecementos”.
Verea dirixiuse directamente á alcaldesa para preguntarlle se coñece esta situación: “Supoñemos, señora Sanmartín, que vostede coñece estes datos, coñece esta realidade”. Tamén enumerou distintos barrios onde, segundo indicou, se producen estes problemas: Ensanche, Vista Alegre, Conxo, Vite, Fontiñas, Casco Histórico, Santa Marta, Almáciga, Laraño e San Pedro.
Posibles medidas
“Que pode facer o Concello dentro das súas competencias? Que lle propoñemos á alcaldesa?”, preguntou, lembrando que este é un debate que xa trouxeron en varias ocasións pero que agora queren concretar “nunha medida clara, medible e cuantificable”.
“Estamos a falar das cámaras de video vixilancia. Propoñemos instalar máis cámaras de videovixilancia, incrementar o parque de cámaras da cidade e dotalas dos medios necesarios para que poidan gravar imaxes útiles para a prevención, a investigación e o esclarecemento de delitos”, explicou.
Verea criticou que habitualmente os nacionalistas rexeiten esta proposta alegando cuestións de intimidade, algo que non comparte: “Entendemos que iso non é así, que si son útiles e necesarias”.
Neste sentido, lembrou que “a propia Policía Nacional trasladou hai uns días a necesidade de instalar máis cámaras e de que estas graven imaxes”, e que “en moitas outras cidades está demostrado que alí onde se instalan, redúcese a delincuencia”.










