Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Santiago de Compostela

A Facultade de Matemáticas rende homenaxe a Enrique Macías Virgós cun congreso internacional

A Universidade de Santiago de Compostela acollerá en maio unha conferencia sobre topoloxía en recoñecemento á traxectoria do catedrático no seu 70 aniversario

O encontro celebrarase os días 7 e 8 de maio na Facultade de Matemáticas coa participación de especialistas en topoloxía
O encontro celebrarase os días 7 e 8 de maio na Facultade de Matemáticas coa participación de especialistas en topoloxía
Santi Alvite
0620_wayalia_redideal_251121_carlos
0620_bonilla_redideal_251121_veronica
liceo620

A Facultade de Matemáticas acollerá os días 7 e 8 de maio a conferencia científica ‘Differential, Algebraic and Combinatorial Topology’ en recoñecemento ás contribucións matemáticas do profesor da USC Enrique Macías Virgós no seu 70 aniversario. O encontro está organizado coa colaboración do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), a Facultade anfitrioa, a Rede Española de Topoloxía e a Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e FP da Xunta de Galicia.

Enrique Macías Virgós é catedrático de universidade na área de Xeometría e Topoloxía na Universidade de Santiago de Compostela, onde se doutorou en 1983 cunha tese centrada na cohomoloxía de variedades foliadas. Ao longo da súa traxectoria académica desenvolveu unha intensa actividade docente, impartindo materias fundamentais de topoloxía e contribuíndo á formación de novas xeracións de especialistas mediante a dirección de teses de doutoramento neste ámbito.

No eido investigador, o seu traballo sitúase na topoloxía alxébrica, a teoría de Morse, as foliacións e a xeometría diferencial, cunha produción científica ampla e sostida en revistas internacionais de prestixio. Participou e liderou numerosos proxectos de investigación, incluíndo colaboracións a nivel europeo, e contribuíu de maneira decisiva á consolidación da investigación topolóxica en Galicia.

A investigación topolóxica en Galicia

A investigación en topoloxía en Galicia goza dun amplo recoñecemento grazas a unha traxectoria sostida de resultados de gran nivel e a unha presenza constante e firme nas achegas académicas ao longo do tempo. Neste contexto, o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) incorpora nas súas liñas estratéxicas o impulso á investigación e á formación do seu persoal neste campo de estudo.

O comité organizador do ‘Differential, Algebraic, and Combinatorial Topology - A conference honoring the mathematical contributions of Enrique Macías Virgós, celebrating his 70th birthday’ está formado por Isaac Carcacía Campos, Antonio Gómez Tato, Pedro Martín Méndez e Ángel Méndez Vázquez, de USC-CITMAga; María José Pereira Sáez, de UDC-CITMAga, e Esperanza Sanmartín Carbón e David Mosquera Lois, da UVigo, con quen se pode contactar a través de citmaga@citmaga.gal.

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
PRIMERA-LINEA-620