A SantYaGo10k celebra a súa 10ª edición o 30 de maio con meta no Obradoiro
A carreira nocturna, que prevé reunir 2.000 participantes en Santiago, dará visibilidade este ano á asociación Aspanaes

A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, presentou este luns a carreira nocturna SantYaGo10k, que este ano celebra este ano a súa 10ª edición, o 30 de maio cunha participación de prevista de 2.000 persoas. Este ano a carreira da visibilidade á asociación Aspanaes.
Na rolda de prensa participaron tamén o presidente do Club Atletismo Fontes do Sar, José Antonio Juanatey; o presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín; e o presidente de Aspanaes, Ignacio Labella.
Pilar Lueiro resaltou que “a SantYaGo é a festa do deporte” e apuntou que as inscricións avanzan a “moi bo ritmo”, ao superar xa as 1.600 a un mes da proba. Este ano a organización marcou un límite de 2.000 persoas participantes e prevé acadalo.
Meta no Obradoiro
Trátase dunha carreira cunha distancia homologada pola Real Federación Española de Atletismo de 10 km, con saída en San Francisco ás 22.00 horas e meta na praza do Obradoiro, que percorre as rúas máis emblemáticas da cidade e que estará baixo o control técnico do Comité Galego de Xuíces da Federación Galega de Atletismo.
José Antonio Juanatey celebrou que este evento se está consolidando na cidade e que atrae participantes doutros lugares. Expresou tamén o seu convencemento de que un ano máis se han pechar as inscricións, cunha participación que este ano está fixada en 2.000 persoas, 500 máis que o límite do ano pasado.
Pola súa banda, Iván Sanmartín fixo unha chamada a toda a cidadanía a botarse á rúa para animar as persoas participantes nesta proba que cualificou coma “realmente atractiva, á que non lle falta ningún ingrediente para divertirse e correr nun entorno marabilloso”.
Inscricións
As inscricións poden realizarse online a través da páxina web oficial do evento ou de maneira presencial no Multiúsos Fontes do Sar e no Complexo Deportivo Santa Isabel, e os prezos variarán en función da data de inscrición entre 10 e 15 euros.
Repartiranse premios en metálico e trofeos ás categorías absoluta feminina e masculina, así como trofeos ao resto das categorías e equipos federados, non federados, ao máis numeroso e o premio especial dedicado ao corredor de maior idade, Cándido Calvo.
Como en cada edición, a organización busca que a SantYaGo10k sexa unha festa deportiva e incorporar cada ano máis animación con grupos de música en directo tanto no percorrido da carreira como na meta.
A SantYaGo10k por Aspanes
Ademais da parte meramente deportiva, a SantYaGo10k colabora sempre con algunha entidade á que da visibilidade e para a cal recada fondos no proceso de inscrición. Este ano a beneficiaria é a Asociación de Familiares de Persoas con Trastorno do Espectro Autista de la Provincia da Coruña (Aspanaes).
Por parte de Aspanaes, Ignacio Labella, valorou “a sorte de ter este espazo de visibilidade”. Na mesma liña, Pilar Lueiro agradeceu a súa solidariedade aos clubs e eventos deportivos que dan visibilidade a distintas problemáticas e parabenizou tamén a organización do VI Cross Solidario a Favor da Investigación de Duchenne y Becker “Unha tarde con Samuel”, celebrada o pasado sábado.










