Santiago destina 285.000 euros a axudas para actividades e asociacións culturais en 2026
O Concello aproba dúas convocatorias para apoiar iniciativas abertas ao público e reforzar a programación cultural en barrios e ámbito rural

A Xunta de Goberno Local (XGL) aprobou este luns as bases da convocatoria de axudas de apoio a actividades culturais para o sector profesional 2026, dotadas con 250.000 euros. Na mesma sesión, deuse luz verde ás bases da convocatoria de subvencións para asociacións culturais, cun orzamento de 35.000 euros.
A Concellaría de Capital Cultural, que dirixe Míriam Louzao, busca así impulsar a promoción de iniciativas e accións de carácter cultural proxectadas e desenvolvidas na cidade.
O Concello subvencionará actividades carácter cultural, que se executen dentro do termo municipal de Santiago, abertas ao público e con data de realización desde o 1 de xaneiro ata o 20 de outubro deste ano.
Para as entidades culturais profesionais o importe máximo da subvención para cada actividade será do 80% do seu orzamento cun límite máximo de 45.000 e 15.000 euros, respectivamente segundo a modalidade. O orzamento municipal destinado a estas axudas ascende a 250.000 euros.
Entre outros criterios, as bases valoran as accións destinadas a colectivos en risco de exclusión, a visibilización da colectividade LGBTI e da produción artística feminina. Tamén puntúan as actuacións nos barrios e no ámbito rural.
O período de solicitude iniciarase a partir da data de publicación da convocatoria no BOP da Coruña e será de 15 días naturais.
Con estas axudas o Concello pretende darlle continuidade ao proceso de apoio á realización de actividades culturais e regular a súa concesión someténdoas a un circuíto regular de tramitación en forma de concorrencia competitiva.
Axudas a asociacións culturais
En canto ás axudas a asociacións culturais, o goberno local autorizou un gasto de 35.000 euros
O Concello busca así apoiar as actividades abertas ao público que as asociacións culturais veñen desenvolvendo tradicionalmente en Santiago e regular a concesión destas axudas someténdoas a un circuíto regular de tramitación ordinaria de subvencións.
As actividades obxecto de subvención deberán ter como data de celebración as comprendidas entre o 1 de xaneiro e o 20 de outubro de 2026. As entidades que poden obter subvención son as asociacións culturais inscritas no rexistro municipal de asociacións.
O importe máximo da subvención para cada actividade realizada por unha asociación cultural será do 80% do seu orzamento cun límite máximo de 5.000 euros. Tamén neste caso o período de solicitude iniciarase a partir da data de publicación da convocatoria no BOP da Coruña e será de 15 días naturais.








