A USC participa na asamblea clave de EUniWell para o avance do consorcio europeo
A reitora Rosa M. Crujeiras asistiu ao encontro da alianza europea en Alemaña, centrado en titulacións conxuntas, gobernanza e benestar universitario

A reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa M. Crujeiras Casais, participa esta semana na 10ª Asemblea de Reitores e Reitoras de EUniWell, que se celebra na Universität Konstanz (Alemaña) e que reúne equipos reitorais, estudantado e outros representantes das universidades que integran a Alianza EUniWell. Crujeiras está acompañada pola delegada para a Estratexia de Internacionalización, Inmaculada Otero Moral; o coordinador institucional de EUniWell, José María Miranda Boto; e o representante do estudantado, Carlos Arjona.
Trátase dun encontro estratéxico clave para o avance deste consorcio europeo de universidades centrado no benestar integral na educación superior. O programa da Asemblea combina sesións institucionais de alto nivel con espazos de reflexión compartida, obradoiros temáticos e actividades orientadas a reforzar a cohesión interna da Alianza e a súa proxección futura.
Neste marco, desenvolveranse reunións do EuniWell Board, dos reitores e reitoras e dos coordinadores institucionais, co obxectivo de avaliar o estado dos proxectos comúns, aliñar prioridades estratéxicas e afondar na gobernanza compartida. Entre os asuntos que se abordarán figuran o impulso das titulacións conxuntas e a continuidade da Alianza a partir do ano 2027.
A noción de “unión” ocupará tamén un lugar central nesta décima Asemblea, tanto nos relatorios principais como nos espazos de peche e síntese colectiva, subliñando a relevancia da cooperación, da confianza mutua e da construción dunha identidade común no seo de EUniWell.
Outro dos eixes fundamentais será o desenvolvemento de políticas e prácticas arredor do benestar universitario. Este ámbito concretarase en obradoiros paralelos centrados na docencia, na investigación e na diversidade e inclusión, así como no evento final Well-Being on Campus, concibido como un foro aberto de intercambio de experiencias, evidencias científicas e iniciativas innovadoras. A presenza activa do Consello de Estudantado reforza, ademais, a centralidade da perspectiva estudantil no deseño das políticas do consorcio.
A participación da USC permite achegar a súa experiencia en investigación interdisciplinar e innovación docente, ao tempo que incorpora aprendizaxes, redes e ferramentas que reforzan o seu posicionamento como universidade europea comprometida co benestar, a inclusión e a excelencia académica.









