Ames reactiva os ‘Encontros co Alcalde’ cunha rolda de reunións polas parroquias ata xuño
O programa comeza este martes en Covas e permitirá recoller demandas veciñais e explicar a acción de goberno municipal

O Concello de Ames pon en marcha unha nova edición dos Encontros co Alcalde, unha iniciativa que levará ao rexedor e ao seu equipo de goberno polas distintas parroquias do municipio entre os meses de abril e xuño. O ciclo comezará este martes, 21 de abril, ás 20.00 horas na Escola unitaria de Covas.
O obxectivo principal destes encontros é manter un contacto directo coa cidadanía, explicando o traballo que se está a desenvolver dende o Concello, resolvendo dúbidas e recollendo propostas e reclamacións veciñais.
O alcalde de Ames, Blas García, subliña que esta iniciativa responde á vontade de escoitar de primeira man as necesidades do municipio. “Facemos estes encontros todos os anos porque para nós é fundamental manter, ao longo dos catro anos, un contacto directo coa veciñanza. Queremos escoitar de primeira man cales son as súas necesidades, así como coñecer tanto as cousas positivas como aquelas que se poden mellorar”.
O rexedor tamén lembra que esta liña de comunicación se complementa con outras accións, como un programa mensual en Ames Radio ou a atención directa no seu despacho, que, segundo sinala, “está aberto a calquera persoa que o precise. Así é como entendo a política municipal”.
Calendario de encontros ata xuño
Tras a primeira cita en Covas, o programa continuará o martes 28 de abril no Local social de Lens, tamén ás 20.00 horas.
Durante o mes de maio celebraranse seis encontros en distintas parroquias, entre elas Augapesada, Trasmonte, Tapia, A Ameixenda, Biduído e Agrón. No mes de xuño haberá tres novas citas en Piñeiro, Ortoño (A Tarroeira) e Bugallido, todas elas en horario de tarde.
En cada reunión, o alcalde estará acompañado polos concelleiros e concelleiras do goberno municipal, nun formato que busca favorecer a participación e o diálogo directo coa veciñanza.










