A USC participa nun proxecto internacional para impulsar a formación en turismo relixioso
A iniciativa SacredTravels4Growth busca adaptar os modelos educativos ás demandas do sector con enfoque inclusivo e reforzar a cooperación entre Europa, Asia e África

A Universidade de Santiago participa no proxecto SacredTravels 4 Growth, que pretende tender unha ponte entre a necesidade do sector de contar con persoal especializado en turismo relixioso e a formación que ofrece a educación superior.
A riqueza do patrimonio natural e cultural ao longo das rutas de peregrinación, a partir do uso da tecnoloxía e desde unha perspectiva inclusiva, serve para promover o desenvolvemento sustentable, o turismo e o crecemento económico. Porén, o persoal experto advirte de que os avances recentes en turismo relixioso están ausentes ou son moi limitados nos plans de estudo na educación superior, especialmente en rexións como os Balcáns Occidentais, e, en xeral, en África e Asia, que tamén enfrontan desafíos en materia de inclusión, accesibilidade e diversidade.
Partindo desa premisa, SacredTravels4Growth aborda estas carencias coa fin de adaptar os modelos europeos de turismo relixioso e de educación superior para formar especialistas na materia con perspectiva de inclusión, accesibilidade e diversidade. Ademais, revisaranse os plans de estudo para adaptalos ás demandas do mercado en materia de turismo cultural e relixioso e tentarase mellorar a infraestrutura de laboratorios para apoiar a formación e a investigación así como desenvolver recursos educativos, incluíndo un manual e cinco MOOC, para facilitar a reforma curricular.
Para todo isto, esta semana está a ter en Santiago unha visita no marco deste proxecto Erasmus+ Capacity Building Project in Higher Education no que, por parte da USC, participan o profesor Xosé M. Santos, do CISPAC, así como Pilar Taboada de Zúñiga Romero, directora de Cursos Internacionais da USC.
Trátase da primeira visita de estudo do proxecto, que comezou a súa andaina a finais do ano 2025, na que se aproveitará a ampla experiencia e coñecementos que desde a USC se ten sobre o tema das peregrinacións para reforzar os desafíos que se formulan en torno ao tema das viaxes sagradas. Con este obxectivo, desenvolveranse conferencias de persoal experto de diferentes ámbitos (xeografía, economía, historia…), unha mesa redonda con persoas vinculadas co mundo xacobeo, así como a realización dun pequeno treito do Camiño para poder vivir a experiencia da peregrinación.








