Un obradoiro interxeracional une comercio e inclusión social na Libraría Couceiro
Baixo a campaña '12 Comercios, 12 Sensibilidades' acolleu unha actividade con Dano Cerebral Santiago e alumnado do CEIP López Ferreiro para elaborar chaveiros solidarios

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Comercio, María Rozas, visitoua semana pasada a Libraría Couceiro para participar nunha das actividades organizadas no marco da campaña municipal '12 Comercios, 12 Sensibilidades', unha iniciativa que busca visibilizar o labor social do tecido comercial compostelán e fomentar a colaboración con entidades do ámbito social.
Durante a xornada desenvolveuse un obradoiro interxeracional no que participaron persoas usuarias da asociación Dano Cerebral Santiago e alumnado do CEIP López Ferreiro. A actividade permitiu crear un espazo de encontro entre xeracións, no que os nenos e nenas colaboraron coas persoas da entidade na elaboración de chaveiros artesanais.
Estes produtos serán posteriormente postos á venda co obxectivo de recadar fondos para Dano Cerebral Santiago, contribuíndo así ao financiamento das súas actividades e programas de apoio. A iniciativa combina, deste xeito, a dimensión educativa e solidaria, ao tempo que promove valores como a empatía, a cooperación e a inclusión social entre o alumnado participante.
A Libraría Couceiro e a asociación Dano Cerebral Santiago protagonizan a programación da campaña ao longo deste mes de abril. Como parte das accións previstas, o establecemento da praza de Cervantes acollerá tamén a presentación do libro 'Come a lavadora dunha vez', de Rosa Aneiros e Hadrián Jamardo, que terá lugar o vindeiro 22 de abril.









