Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Santiago de Compostela

Alana: "Somos xente nova que quere mostrar o orgullosa que está da súa identidade"

O grupo tradicional presenta o seu novo disco, 'Un saber', este sábado 18 de abril na Sala Capitol de Compostela

Alana presenta o seu novo disco este sábado 18 na Sala Capitol
Alana presenta o seu novo disco este sábado 18 na Sala Capitol
Augasalgada
0620_wayalia_redideal_251121_carlos
0620_bonilla_redideal_251121_veronica
liceo620

Alana regresa cun segundo disco que confirma o camiño iniciado hai uns anos, pero tamén introduce matices novos na súa maneira de entender a música. ‘Un saber’ nace da tradición oral galega, mais faino desde unha ollada actual, mesturando ritmos de raíz con bases electrónicas e pop nun traballo que amplía o seu universo sonoro sen perder identidade.

O trío formado por Antía Vázquez, Eloy Vidal e Pablo Castro presenta así un disco no que se percibe unha evolución clara, tanto no plano musical como no persoal, e que mantén como eixo esa conexión coa memoria colectiva, especialmente co saber transmitido polas mulleres ao longo do tempo. Unha idea que dá título ao álbum e que atravesa todo o proxecto.

A banda levará este novo repertorio ao directo este sábado 18 na Sala Capitol de Santiago de Compostela, nun concerto que servirá como carta de presentación desta nova etapa. Falamos con Alana sobre este traballo, o seu proceso creativo e o momento que atravesan como grupo.

Por que decidistes poñer o foco no saber popular, especialmente no transmitido polas mulleres?

‘Un saber’ vai un pouco na liña do primeiro disco, porque están moi relacionados co que sentimos sobre a necesidade de coñecer todo o que hai detrás de cada melodía, de cada informante. Non é só saber máis, senón ir á raíz dunha idea que tiñamos a partir do que leramos nos libros das pandeireteiras de Mens, onde elas intuían que esa música que facían e todo o que desenvolvía iso non era música como tal para elas. Para elas, a música era outra cousa: eran as orquestras, as murgas, as gaitas, as charangas. O seu era máis ben unha forma de desfrute colectivo, unha maneira de entender a música como algo compartido. Pero, en realidade, iso tamén era un saber que elas tiñan e que transmitían. Parecíanos unha idea fantástica poñer en valor ese papel das informantes, porque moitas veces eran inconscientes da importancia que tiveron, que teñen e que seguramente seguirán tendo no futuro.

Como foi o proceso de investigación arredor da tradición oral galega para este disco?

Neste disco temos un pouquiño de todo. Hai cancións que estaban na recámara do anterior disco, que eu creo que naquel momento non nos inspiraban tanto para encaixar coa idea que tiñamos na cabeza para ese primeiro traballo, pero que agora tiveron unha volta. Hai tamén cancións que son, en parte, recollidas propias, sobre todo de Antía e miñas, que somos quen estamos máis metidos en toda a música tradicional. Pero tamén tivemos a gran sorte aquí en Galicia de contar cun sistema como  Arquivo de Patrimonio Oral da Identidade (APOI), que nos achegou moitísima información. Moitas veces apoiámonos nese propio arquivo. É unha fonte de información moi valiosa, unha páxina onde poder buscar ese arquivo de música e todo ese coñecemento. A verdade é que somos moi afortunados de poder contar con iso e de ter ao noso alcance recompilacións, discos e audios que están aí dispoñibles para todo o mundo.

Alana
Alana
Augasalgada

Houbo algún descubrimento ou reflexión que vos marcase especialmente durante ese proceso?

Das anécdotas que podían pasar, por exemplo, en Xota (de Juan Pita), un dos temas que sacamos neste disco, decatámonos de que o que se recolle non é só a música, senón todo o que hai detrás: todo o que se conversa con esa persoa, onde se está facendo. Neste caso a recollida fora realizada dentro dunha cociña. Entón decidimos utilizar todo ese material de cociña para facer a base e a percusión da canción, porque ese momento levábanos directamente a ese espazo. Ao final, optamos por unha instrumentación construída unicamente con elementos da cociña: pratos, potas, cubertos, culleres… todo iso integrado na propia sonoridade do tema.

Como definiríades a identidade sonora de Alana neste momento?

Guau! Que difícil (risas). A esencia é a recollida, sempre. Pero consideramos que tamén as redefinimos para que teñan un son fresco. Somos xente nova que intenta facer música desde o orgullo pola súa identidade cultural e que quere transmitir o que pensa sobre a nosa tradición e sobre as nosas músicas. Tentamos, ademais, que todo o mundo se sinta libre de facer con ela o que queira. Por exemplo, non nos gusta dicir: “nesta canción tes que bailar o baile tradicional”. Non, que cada quen baile o que sinta. Ao final, somos xente nova á que lle gusta o que representa a súa identidade e que quere deixar claro que non quere encadrar a nosa tradición nun molde pechado. Para nós non é só unha raíz, senón algo central, desde o que expresar como sentimos a nosa tradición. É unha proposta aberta, cun son libre e fresco.

Ao final, somos xente nova á que lle gusta o que representa a súa identidade e que quere deixar claro que non quere encadrar a nosa tradición nun molde pechado"Alana

Que diferenzas hai entre escoitar o disco e vivilo en directo?

A nivel de directo, este ano traballamos con As dúas e punto, que son dúas rapazas marabillosas, Carmen e María, que nos axudaron a facer deste directo algo, para nós, único: moito máis profesional, máis coidado e máis estudado. Pero, en liñas xerais, cremos que vai ser un directo moi animado, con moitas sorpresas, cunha posta en escena moi diferente e con moitas capas detrás. Sempre dicimos que unha das cousas que máis impresionan dos nosos directos, polo menos desde o meu punto de vista, é o tema das percusións. É certo que no disco tamén están moi presentes, pero no directo cremos que gañan moita máis forza. 

Como afrontades este concerto do sábado 18?

Desfrutando dos nervios. Dentro do grupo, cada un ten unha forma de vivilo. Ao final é unha presentación dun disco, hai moita xente que xa mercou entrada, entón sentimos unha certa responsabilidade de que todo o que traballamos —toda esa residencia artística, todo ese tempo encerrados preparando isto, todos os ensaios— teña como resultado algo que lle guste á xente. Pero eses nervios, ese agobio de dicir “buf, que facemos aquí, que vai pasar, como responderá a xente”, creo que é algo que, persoalmente, os tres —e tamén todo o equipo que hai detrás— desfrutamos moito. Forma parte do proceso, e penso que tamén hai que gozar diso. Hai que desfrutar do resultado, pero tamén do camiño, e ese camiño require nervios, require traballo constante. Xa fixemos o último ensaio para deixar todo pechado, e estamos moi orgullosos do que fixemos.

Unha mensaxe para o público compostelán

A verdade é que, primeiro de todo, estamos moi agradecidas pola acollida que houbo nas plataformas dixitais, e tamén pola que sempre tivo o noso primeiro disco. Moitas veces non somos conscientes de que hai moita xente detrás, da sorte que temos coa xente que nos acompaña, que escoita o disco e que compra unha entrada para apoiarte. É un luxo ver que tanta xente se interesa polo que fas e que goza coa túa música. Entón nós imos desfrutar este evento tanto como eles, desde outro lado, pero coa mesma ilusión. Vai ser un directo moi bonito, único para esta presentación na Capitol, e esperamos que lle guste á xente, que desfrute, que baile e que sinta que tamén forma parte diso, que esa música tamén é súa.

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
PRIMERA-LINEA-620