Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Santiago de Compostela

Ana Gesto: "Ser artista é un oficio de persistencia, resistencia e amor absoluto"

A creadora compostelá recolle este xoves na gala Daccultura o premio Isaac Díaz Pardo pola obra performativa 'Intervalo 2024'

Ana Gesto, gañadora do premio Isaac Díaz Pardo
Ana Gesto, gañadora do premio Isaac Díaz Pardo
Aigi Boga
0620_wayalia_redideal_251121_carlos
0620_bonilla_redideal_251121_veronica
liceo620

En ocasións, é complicado explicar o que sucede nunha obra antes de que aconteza. Hai creacións que se moven nese límite difuso entre a intención e a materia; entre o que está a piques de soar e o que permanece en silencio. Nese espazo de incerteza sitúase o traballo de Ana Gesto (Santiago de Compostela, 1978), unha proposta que se constrúe desde a tensión, a memoria e unha poética do non acontecido.

A artista compostelá, recentemente recoñecida co Premio Isaac Díaz Pardo de produción artística, leva anos desenvolvendo unha linguaxe propia na que a escultura e o son conviven nun diálogo constante. O seu universo creativo, marcado pola presenza do cotián e das referencias identitarias, propón unha lectura aberta na que o espectador deixa de ser un observador pasivo para converterse en parte activa do proceso.

Nun contexto no que a creación artística esixe unha permanente persistencia e resistencia, Gesto entende o seu traballo como unha necesidade vital, un xeito de estar no mundo e de dar forma a un pensamento que non busca respostas pechadas. Conversamos con ela sobre o sentido da súa obra, os procesos que a sosteñen e o lugar que ocupa a arte nunha traxectoria marcada pola continuidade e a convicción.

Como nace Intervalo 2024 e cal foi o punto de partida da obra?

Trátase dunha peza que eu xa tiña debuxada no meu caderno no ano 2011, cando estaba a traballar nunha serie de performances con portas, facendo referencias á memoria, á identidade cultural, ao esforzo ou aos lastres. A partir de aí, a idea quedou completamente aparcada como escultura, aínda que seguín afondando nela noutras pezas durante bastantes anos. Chegou un momento no que sentín que, pola madurez e pola evolución do meu traballo, era o momento de levala a cabo deste xeito. A obra fala desa idea de soster, desa noción de suspensión no tempo. É un son poético que nunca chega a soar, pero que remite a esa sensación. Está feita a partir dunha guitarra Fender que modifiquei con técnicas de orfebrería. Ao final, o que fixen foi transformala, deixar de utilizala como instrumento sonoro para convertela nun obxecto ligado á memoria. Vai sostido no aire e o centro está sen pechar porque é a idea de obra poética non pechada.

'Intervalo 2024', a obra de Ana Gesto premiada co Isaac Díaz Pardo
'Intervalo 2024', a obra de Ana Gesto premiada co Isaac Díaz Pardo
Cedida

Que supón para vostede recibir o Premio Isaac Díaz Pardo neste momento da súa traxectoria? 

Cando che conceden un recoñecemento deste tipo, é como unha confirmación de que paga a pena estar aí, seguir traballando e manterse sempre detrás da creación. Por outra parte, tamén está a parte económica, que supón un alivio para poder producir con máis tranquilidade, aínda que sexa durante un tempo. Entón, moi ben: estou moi feliz, moi satisfeita e moi contenta, porque sinto que se valora o meu traballo. 

Busca provocar unha experiencia concreta no espectador ou prefire deixar aberta a interpretación? 

Parte dunha idea non pechada, que non propón unha única lectura nin un único significado. A intención é que quen observa a obra poida levala á súa propia experiencia persoal, especialmente no que se refire a eses elementos que están profundamente ligados á memoria e ás identidades. Tamén está presente a vida do cotián, aquilo que forma parte do noso día a día. Eu sempre traballo cunha lectura completamente aberta, nunca pechada. Penso que a obra artística, unha vez entra en contacto co público, é o espectador quen a remata de construír. Se se ofrece unha lectura demasiado pechada, non hai máis alá do que se ve. Por iso interésame esa idea de algo que permanece en desacordo, en movemento, como unha memoria que flota: conceptos que remiten a algo, pero que non se pechan. Non quero que a interpretación quede limitada ao que eu propoño. Nunca quero pechala.

Segue a arte a ser un ámbito laboral precario?

Ao final, só podo falar desde a miña experiencia persoal neste ámbito como artista. Non podo deixar de facer obra, porque é o único xeito no que me podo expresar e no que podo contar o que sinto. Que significa iso? Pois que se converte nun oficio de persistencia e de resistencia, pero tamén de amor absoluto. Porque, efectivamente, non hai moitas plataformas que permitan sostelo, e isto non pasa só na miña disciplina, senón tamén na pintura, na música… Creo que todos os ámbitos da arte comparten en parte esta problemática: a cantidade de artistas que teñen que compaxinar o seu traballo creativo con outros alleos ao que realmente son. Por iso, esa persistencia fai que, cando despois de moitos anos traballando recibes un recoñecemento deste tipo, sintas que valeu a pena. Que o que estás facendo serve para algo, significa algo e lle chega a alguén.

No seu caso, con que oficio compaxina a creación artística?

Ás veces fago traballos de vestiario e asesoría artística en escénicas. Vou traballando en ámbitos que teñen que ver coa arte, aínda que non son exactamente a miña obra persoal. Ademais, o ano pasado comecei a colaborar cunha fundación na que desenvolvo un proxecto artístico en centros educativos, acudindo a colexios en horario lectivo para traballar o social desde a arte. Non é exactamente docencia, senón máis ben un labor de divulgación e de traballo conxunto dentro do ámbito educativo. É algo que teño que facer, porque non me queda outra opción. O que non podería é compaxinar isto cun traballo de oito horas e, ademais, manter a miña actividade artística; sería absolutamente inviable. Nese caso, ou sería artista ou non sería capaz de manter ambas cousas.

En que proxectos está a traballar agora ou lle gustaría desenvolver a curto prazo? 

Teño varios proxectos moi próximos. Agora mesmo estou a traballar nunha performance colectiva con varios artistas en Cangas. Chámase Sonodramas do Morrazo. Participamos Macarena Montesinos, Berio Molina, Marco Maril, Lúa Gándara e Pablo Orzas. Será unha performance colectiva que se desenvolverá o día 9, na que traballamos sobre o son e a contaminación acústica do monte de Cangas. Haberá unha intervención no auditorio e tamén outra nunha pequena capela situada no paseo marítimo. Ademais, teño outra performance no Festival Resis de música contemporánea, na Coruña, que terá lugar na sala Nautilus do Acuario Finisterrae. Todo isto en maio.

Como valora a importancia de eventos como a Gala Daccultura, que recoñecen o labor de artistas de ámbitos tan diversos?

A verdade é que nunca fun de presentarme a premios. Pero, neste caso, penso que unha das grandes calidades que ten este premio é precisamente iso: non é só un único galardón. Quero dicir con isto que inclúe unha proposta de compra de obras. Na última convocatoria, por exemplo, mercaron arredor de doce pezas. Que significa isto? Pois que lle dá moita máis esperanza á artista que se presenta, porque non só opta a ese premio principal, senón tamén á posibilidade de que lle adquiran unha obra por un prezo xusto. No meu caso, hai dous anos, nunha convocatoria anterior, tiven a sorte de que me mercaran unha das obras. Entón iso fai que penses: “pois voume presentar”, porque ves que hai unha oportunidade real. Son premios que están moi ben, a verdade, e que teñen unha tradición que non é habitual, porque non hai moitos que ofrezan estas características. Ademais do recoñecemento, que tamén é fantástico, claro.

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
PRIMERA-LINEA-620
lacabaña620