A Igrexa da Universidade acolle 'Organscape', a proposta sonora de Xoán-Xil López
A mostra combina autómatas e composicións para órgano inspiradas en sons da natureza e poderá visitarse ata o 7 de maio

A mostra 'Organscape. Estudos de ornitoloxía mecánica e variacións miméticas', de Xoán-Xil López, artéllase arredor de dous elementos que conviven e dialogan: a instalación autónoma ‘Organismo’, unha serie de autómatas que emulan un repertorio de sons asociados co mundo natural, e unha serie de pezas para órgano, ‘Variacións miméticas’. Estas composicións parten de gravacións de campo rexistradas en diversas localizacións convertidas a parámetros musicais e adaptadas ás características do órgano construído por Manuel Sanz entre 1800 e 1802 que se atopa no coro do espazo que acolle a exposición, a Igrexa da Universidade. A mostra, inaugurada este mércores 15, pode visitarse ata o 7 de maio, en horario de martes a venres, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas.
Xoán-Xil López é artista, compositor e investigador cuxo traballo se centra na fonografía (gravación de campo) e a experimentación sonora, adquirindo a forma de instalacións, situacións inmersivas de escoita, composicións, performances e textos. O xermolo desta exposición é a obra Organscape, resultante do encargo realizado polo Festival De Lugares e Órganos en 2019 e que se estreou o 26 de agosto de 2020.
O acto inaugural estivo presidido pola vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio, Ana Cabana, quen destacou que “esta exposición convídanos a escoitar o mundo de forma diferente ao que habituamos”. Na sesión tamén participou a deputada provincial Natividad De Jesús González Rodríguez.









