O Museo Migrante en Movemento activa en Compostela un arquivo vivo das memorias migratorias
A iniciativa de Angélica Dass chega á Zona C con sesións abertas de retrato e escoita e complétase cun encontro no Auditorio de Galicia

O proxecto Museo Migrante Migrante (MMM), creado e dirixido pola artista e investigadora Angélica Dass, chega a Santiago coa súa versión en Movemento, unha proposta participativa que transforma a cidade nun espazo de encontro arredor das memorias migratorias. Impulsado por Cidalia, con financiamento da Dirección General de Patrimonio Cultural y Bellas Artes, o proxecto concíbese como un arquivo vivo que se constrúe a través da fotografía, a escoita e o intercambio de experiencias, conectando migracións pasadas e presentes desde unha perspectiva de dignidade e dereitos culturais. Tras transitar por distintos puntos da contorna estatal e galega, fai parada en Compostela co apoio do Concello de Santiago.
Entre o martes 14 e o sábado 18 de abril, a Zona C acolle o 'Estudo Fotográfico Migrante', sesións de retrato e escoita abertas á veciñanza. As persoas interesadas poden participar levando un obxecto, documento ou elemento persoal vinculado á súa historia de tránsito. Estas sesións, que se desenvolven o martes, mércores, e sábado no horario de apertura do espazo (de 11 a 14 e de 16 a 19 horas) e o venres 17 en horario de mañá (de 11 a 14 horas) permitirán crear novas imaxes e relatos que pasarán a formar parte deste arquivo dixital colectivo da experiencia migratoria. A proposta convida a reflexionar sobre a migración como unha condición inherente á experiencia humana, presente nas historias individuais, familiares e colectivas. Para participar só é preciso reservar algunha das sesións dispoñibles no formulario habilitado polo proxecto.
O programa complétase cun encontro aberto ao público o xoves 16 de abril, de 17.00 a 19.00 horas, na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Baixo o título 'Museo Migrante Migrante: memoria, territorio e comunidade', a sesión contará cunha intervención de Angélica Dass, que compartirá os procesos e metodoloxías do seu traballo artístico, no que a fotografía funciona como ferramenta para cuestionar categorías sociais como a identidade, a raza ou a pertenza. A conversa continuará cunha mesa redonda na que participarán Aranxa Vicens —artista e integrante de Corpos en Resistencia e activista en Resistencia en Terra Allea e Casa Comunitaria Aluandê— e María Alonso —escritora, investigadora e comisaria da exposición Emigrantas: emerxer do silencio—, achegando diferentes perspectivas sobre as experiencias migratorias desde o contexto galego contemporáneo. Neste caso, a asistencia é tamén de balde e libre até completar a capacidade da sala








