A USC impulsa InterDixitais’26 para achegar a tecnoloxía ás persoas maiores
O proxecto interxeracional combina formación e compromiso social para mellorar as competencias dixitais con apoio do estudantado

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) está a desenvolver, no marco dos proxectos de innovación docente en Aprendizaxe Servizo (ApS), o proxecto InterDixitais’26, unha iniciativa interxeracional orientada ao desenvolvemento de competencias dixitais en persoas maiores e á promoción dun uso autónomo, seguro e crítico da tecnoloxía.
O proxecto conta co apoio e a financiamento da Cátedra Institucional Cruz Roja–USC e está coordinado polas profesoras Sonia Valladares Rodríguez, María Julia Diz López e Sabela Mallo, coa participación activa de estudantado dos graos de Robótica, Pedagoxía e Criminoloxía da USC.
InterDixitais’26 desenvólvese a través de obradoiros interxeracionais presenciais, impartidos nunha localización diferente á do curso anterior, nos que se abordan cuestións clave do día a día dixital, como a seguridade na rede e a prevención de estafas, a compra de billetes en plataformas de transporte, a adquisición de entradas de lecer en contornos dixitais próximos ou o uso de axentes conversacionais na vida cotiá.
A sesión final, prevista para o 20 de abril, estará dedicada á exploración de ferramentas como Alexa ou ChatGPT, co obxectivo de achegar tecnoloxías emerxentes ás persoas maiores como apoio á súa autonomía e participación social.








