O CiTIUS sitúa Galicia no centro do debate sobre a intelixencia artificial
Senén Barro preside o comité asesor do novo Laboratorio de Ideas da AESIA, clave para impulsar unha IA fiable en España

O director científico do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), Senén Barro, preside o comité asesor do novo Laboratorio de Ideas en intelixencia artificial da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA), que se acaba de presentar na Coruña como unha iniciativa clave para reforzar o liderado de España no desenvolvemento dunha IA confiable. A creación do laboratorio sitúa Galicia no centro do debate sobre o futuro da IA en España
O novo órgano reúne unha trintena de especialistas de referencia do ámbito académico, institucional e empresarial co obxectivo de analizar os principais retos asociados ao despregamento da IA e achegar recomendacións en ámbitos de alto impacto social. En palabras de Senén Barro, o Laboratorio de Ideas “actúa como a intelixencia da propia intelixencia artificial”, mentres que o seu comité asesor achega “a ollada humana e humanista necesaria para garantir un desenvolvemento confiable e orientado ao ben común”.
Entre as súas liñas de traballo destacan a protección da dignidade das mulleres fronte aos sesgos algorítmicos, a loita contra a desinformación, a seguridade dixital da infancia ou a transformación do mercado laboral, incluíndo fenómenos como os deepfakes ou a automatización da propaganda.
Durante o acto, no que se deron a coñecer os detalles de este novo espazo de reflexión, o ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, Óscar López, subliñou a vocación de España de situarse na vangarda internacional en regulación da intelixencia artificial, apostando por un modelo que combine innovación e garantías democráticas.
A implicación do CiTIUS nesta iniciativa consolida o seu papel como axente de referencia no impulso dunha IA ética, fiable e centrada nas persoas, en liña cos principais marcos europeos de supervisión tecnolóxica. Neste contexto, o ministro anunciou que España acollerá a finais de abril a primeira xuntanza do Panel Científico de IA de Nacións Unidas, reforzando o seu posicionamento internacional como un dos países chave na gobernanza da intelixencia artificial. O CiTIUS (un centro cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Galicia Feder 2021-2027) sitúase así nun dos contornos onde se está definindo o futuro da IA a escala global.









