A Real Filharmonía abre novas fronteiras con ‘Rapsodias Africanas’ no Auditorio de Galicia
O concerto reúne a Seckou Keita, Momi Maiga e Clark Rundell nun diálogo musical entre tradición africana e orquestra

O venres 10 de abril a Real Filharmonía de Galicia realizará, no Auditorio de Galicia ás 20.30 horas, o concerto '(EN)FOCO #3: Rapsodias Africanas', un encontro entre a kora de Seckou Keita, a percusión de Momi Maiga, a dirección de Clark Rundell e a RFG.
Neste enfoque, a Real Filharmonía de Galicia achégase a outras tradicións musicais cun programa aberto a horizontes sonoros recollidos nun continente culturalmente moi afastado como é o caso de África.
Seckou Keita descende dunha familia de reis senegaleses e dos ancestrais músicos griot; comezou a ser valorado en Europa a mediados dos 90, cando presentou a kora, mestura única entre laúde e arpa, da que é o gran referente internacional. Para este instrumento desenvolveu afinacións orixinais a partir das catro tradicionais de Senegal, Gambia, Guinea-Bissau e Malí.
Seckou Keita combina todas estas posibilidades sonoras nun só instrumento, mantendo a raíz tradicional e xerando un son novo, expresivamente máis amplo. 'Rapsodias africanas' é un diálogo sonoro a varias bandas, para o que despregou toda a súa mestría como arranxista o compositor Davide Mantovani.











