Santiago constitúe o Consello do EcoBosque para impulsar a recuperación do río Sar
O novo órgano participativo definirá propostas e accións no ámbito do Banquete de Conxo dentro dun proxecto financiado con fondos europeos

O próximo xoves quedará constituído o Consello do EcoBosque, un órgano participativo de carácter consultivo que recollerá iniciativas e definirá propostas colectivas para a recuperación, uso e posta en valor do río Sar, fundamentalmente no ámbito do Banquete de Conxo.
Trátase dunha das actuacións vinculadas ao plan de gobernanza e participación do EcoBosque, o proxecto impulsado polo departamento de Emprego do Concello de Santiago e financiado con fondos europeos a través da Fundación Biodiversidade.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, deu conta hoxe da creación do Consello do EcoBosque, que estará integrado por persoas e entidades representativas do ámbito social, ambiental, educativo, cultural e institucional. A tenenta de alcaldesa explicou que “non se trata dun consello de participación ao uso, senón que optamos por unha fórmula menos ríxida de maneira que a súa composición será aberta e poderánse ir incorporando novos membros co obxectivo de garantir a súa diversidade e representatividade”. Na primeira xuntanza están invitados e invitadas a participar representantes de todos os grupos municipais, técnicos de diferentes departamentos do Concello de Santiago, representantes da Universidade e do ensino medio; de entidades ecoloxistas, de asociciacións veciñais e entidades sociais, e mesmo do ámbito empresarial.
O Consello ten como finalidade promover o coidado e protección do río Sar e do seu ecosistema e, con ese obxectivo, deberá elaborar un informe anual sobre o estado do río, que será encargado a un equipo técnico especializado; un plan de actividades, tamén de carácter anual; e unha campaña anual centrada nun problema ou reto específico identificado como prioritario polo propio Consello.
Nova App do EcoBosque
A tenenta de alcaldesa deu conta tamén da nova App sobre o EcoBosque do río Sar que xa se pode descargar tanto para Ios como para Android, e que está dispoñible tamén en versión web.
A aplicación reúne toda a información sobre o proxecto de restauración do ámbito do Banquete de Conxo e das accións xa desenvolvidas ao seu abeiro, pero tamén permite acceder a numerosos recursos sobre as especies de flora e fauna que se atopan no ámbito, con fichas de máis de trinta especies vexetais e de 25 especies animais.
O técnico do departamento de Emprego Xabier Ferreiro explicou que a app tamén inclúe un mapa vivo elaborado en colaboración co servizo municipal de de cartografía no que se irán localizando todas as actuacións que se realicen ao longo de todo o percorrido do río Sar. De momento, aparece información sobre as actuacións vinculadas ao proxecto do EcoBosque. Ademais, a aplicación permitirá a participación da veciñanza, que poderá informar de cuestións que considere de interese vinculadas ao río como a presenza de especies invasoras ou de novas especies animais ou vexetais que non estean documentadas na propia app.







