As universidades galegas organizan unha xornada sobre submisión química e violencias sexuais
As oficinas de igualdade do sistema universitario público galego impulsan unha formación en liña con expertas para analizar a resposta xurídica, sanitaria e social

As oficinas de igualdade das tres universidades públicas galegas organizan a IV Xornada Interuniversitaria Galega sobre Submisión Química e Violencias Sexuais, que se desenvolverá en liña vía Teams o 9 de abril ás 9.30 horas.
A xornada, cuxa inscrición é obrigatoria, comezará coa intervención da directora do IMELGA, Noemí Morte Tamayo, que disertará sobre a interpretación xudicial e médico‑legal dos tóxicos e a violencia sexual. A continuación, a coordinadora e asesora xurídica do Centro de Crise de Santiago Mariana Novo Gómez explicará a intervención realizada dende os centros de crise 24 h para vítimas de violencia sexual.
A abordaxe legal das violencias sexuais facilitadas por drogas e a violencia sexual baseada na imaxe e na intelixencia artificial serán os outros temas a tratar por Sònia Ricondo García, do consultorio xurídico Noctàmbul@s, e Elisa García Mingo e Jacinto Gutiérrez Lorca, do proxecto DIVISAR da UCM, respectivamente.
Esta formación está financiada con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, co obxectivo de sensibilizar e ofrecer ferramentas de análise, sensibilización e actuación ante estas situacións, contando con persoas expertas de diversos ámbitos.










