Rocío Márquez leva ao Auditorio de Galicia o seu ‘Himno Vertical’, unha revisión contemporánea do ritual e a memoria
O ciclo Fiestra Aberta programa o 11 de abril unha proposta que reformula o concepto de réquiem desde o flamenco experimental

O ciclo Fiestra Aberta continúa a súa programación no Auditorio de Galicia coa presentación de 'Himno Vertical', o novo proxecto de Rocío Márquez, unha das voces máis singulares e renovadoras do flamenco actual. O concerto terá lugar o sábado 11 de abril ás 20.30 horas, nunha cita que convida a mergullarse nunha experiencia sonora e simbólica arredor da vida, a morte e a transformación.
Cunha traxectoria marcada polo diálogo entre tradición e vangarda, Rocío Márquez constrúe unha proposta artística que combina investigación, creación e excelencia interpretativa. En 'Himno Vertical', acompañada polo guitarrista Pedro Rojas-Ogáyar, reformula o concepto de réquiem para afastalo da súa dimensión estritamente litúrxica e convertelo nun espazo de tránsito e celebración compartida.
Lonxe de responder a unha única voz, a peza preséntase como un eco coral que emerxe do colectivo, un ritual que honra tanto as despedidas como os comezos. A través dunha linguaxe escénica que integra música, palabra e corpo, o espectáculo propón unha reflexión poética sobre o ciclo vital, cuestionando a idea de opostos para asumilos como parte dunha mesma danza.
A proposta conta coa dirección e dramaturxia de Fran Torres, e reúne un equipo artístico no que tamén toman parte Roberto Martínez (escenografía, vestiario e coreografía), Benito Jiménez (iluminación) e Javi Mora (son), entre outros. A creación musical corre a cargo da propia Rocío Márquez xunto a Pedro Rojas, con letras asinadas pola cantaora en colaboración con Carmen Camacho.
Con apoio do INAEM – Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música, do Ministerio de Cultura, 'Himno Vertical' chega a Compostela como unha das citas destacadas do ciclo Fiestra Aberta, consolidado como un espazo para voces que expanden os límites da creación musical contemporánea.
Outras datas de Fiestra Aberta
O 22 de abril, ás 20.30 h, Teatro Principal acollerá a presentación de 'Amorodios' de Xan Campos, un traballo que supón un punto de inflexión na súa traxectoria ao incorporar a voz e a palabra da man de Faia Díaz, xunto a Iago Fernández e Virxilio Da Silva. Unha proposta viva, honesta e profundamente transformadora.
O 3 de maio, ás 20.30 h, no Teatro Principal, Pablo Sanmamed presentará 'A estrela mostrada', un proxecto que retoma o diálogo entre música antiga e jazz contemporáneo, inspirado nas cantigas da lírica galego-portuguesa e noutras tradicións medievais. Unha viaxe sonora de gran forza emocional, na que o pasado se revela como materia viva que resoa no presente creativo.
O último dos concertos anunciados será o 29 de maio, ás 20.30 h, no Teatro Principal, con 'Traspielas' de Su Garrido Pombo, unha proposta multidisciplinar xunto a Macarena Montesinos, Iago Ramilo, Marco Maril e Fran Rodríguez Casal. Música, palabra e imaxe combínanse para celebrar a memoria colectiva dunha aldea, mesturando cancións tradicionais, electrónica, experimentación e materiais audiovisuais actuais e de arquivo.








