Verea critica o proxecto para Peleteiro e fala dunha “oportunidade histórica perdida”
O líder do PP en Santiago cuestiona o modelo do goberno local e defende destinar a parcela a usos públicos e abertos á cidadanía

O líder do PP en Santiago, Borja Verea, criticou no Pleno municipal a aprobación da proposta do goberno local para a parcela de Peleteiro, advertindo de que supón “perder unha oportunidade histórica” para transformar o Ensanche compostelán.
Durante a súa intervención, Verea contrapuxo dous modelos “claramente diferenciados” de cidade: “o noso aposta por unha transformación profunda do Ensanche, mentres que o do PSOE e As Non Adscritas baséase na resignación e na indolencia”.
O líder popular lembrou que a proposta do PP pasaba por converter a parcela de Peleteiro “no novo corazón vibrante do Ensanche do futuro”, incorporando o espazo ao patrimonio público e poñéndoo “á disposición dos máis de 100.000 santiagueses”.
Fronte a isto, criticou que o modelo aprobado polo goberno de BNG e CA limite o uso daparcela á construción de vivendas para “100 ou 150 familias”, en lugar de concibila como un espazo aberto ao conxunto da cidadanía. “A nosa proposta era que Peleteiro fose para todas as familias de Santiago, mentres que a súa é para uns poucos”, sinalou.
Verea incidiu en que o proxecto defendido polo PP contempla destinar o 100% da parcela a equipamentos públicos, sociais, deportivos e culturais, cualificando esta alternativa como“máis sincera” que as propostas defendidas anteriormente polo executivo.
Ademais, lamentou que se chegue a esta situación tras “dez anos perdidos en liortas” entre as distintas forzas políticas, o que, ao seu xuízo, derivou nun escenario de “resignación” entre a veciñanza. Neste sentido, advertiu de que a actuación prevista converterá a parcela “nun novo bloque de cemento nunha zona xa altamente densa”, desaproveitando a única oportunidade de “dar osíxeno ao Ensanche”.
No transcurso do debate, o líder popular tamén quixo agradecer o ton dos representantes socialistas, ao tempo que criticou os cualificativos empregados por parte do BNG cara á proposta do PP. “Non entendo os insultos a outro modelo urbanístico. En democracia hai propostas diferentes e todas son lexítimas”, sinalou.











